Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
LUCES

Beatriz Graña: "Había torturas exclusivas dos cárceres femininos"

No seu libro Voces da memoria, publicado no ano 2003, a investigadora Beatriz Graña Pérez (Redondela, 1978) abriu portas aos relatos de, como indica o subtítulo da obra, "galegas, exiliadas, emigrantes e resistentes durante o réxime franquista". "Na altura de hoxe, os catro termos están ben diferenciados", indica Graña Pérez, "pero no franquismo armaban as distintas faces dun mesmo poliedro". O punto onde un emigrante desemboca nun exiliado dilúese en historias como a de Carmen Arias, a infatigable compañeira de Isaac Díaz Pardo.

A autora, que obtivo con Voces da memoria o premio de investigación Xohana Torres, entrevistou a dez mulleres que sentiron a represión franquista despois de 1936. Para Graña Pérez, "as mulleres de ideas democráticas que viviron a Guerra Civil e a longa noite de pedra sufriron os mesmos males que outros grupos de poboación, nas cadeas, nas cunetas". Sen embargo, a infamia dos vencedores buscou métodos que encaixasen específicamente coa condición feminina. "Certas prácticas de tortura eran exclusivas dos cárceres femininos do franquismo; amais, había tamén tortura psicolóxica ás mulleres por seren nais, irmás, fillas, esposas", relata Graña.

A derrota de 1939 non afectou á muller como categoría xeral, segundo a investigadora. Malia a que o réxime nacional-católico non respectaba en absoluto as conquistas feministas da II República, "se eras muller católica, de dereitas e de boa familia, ficabas nunca situación aceptable", explica Beatriz Graña. E continúa: "Unha muller de esquerdas, laica, galeguista, como no caso de María Victoria Villaverde, sabía que se non marchaba do país só lle quedaba a represión, a dor, o silencio ou a morte".

Voces da memoria publicouse tres anos antes da declaración institucional da Xunta de Galicia do Ano da memoria. Para a súa autora, recuperar "a memoria histórica é importante para saber vivir mellor o noso presente". A amnesia colectiva nunca é inocente. "Os réximes políticos tentan dar unha certa versión dos feitos, pero tarde ou cedo, a historia recupérase no seu senso máis fidedigno", remata Beatriz Graña.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 15 de diciembre de 2006