Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:LUCES

Depuración nas aulas

Na Universidade de Santiago non houbo asasinatos pero a represión funcionou a eito

A de Santiago é a única universidade española onde non houbo asasinatos indiscriminados entre o profesorado. Isto non quita que, cuantitativamente e en termos relativos, a institución compostelá fose unha nas que a represión máis se cebou: de xeito administrativo, económico, psi-colóxico e de sinalamento dos perdedores.

O golpe de estado supuxo un importante parón do pulo renovador que impulsara o reitor Cadarso, pois a súa xestión, permeable a profesores e a estudantes republicanizados con inquedanzas innovadoras, acadou cotas impensables para unha universidade periférica. Os feitos son incontestables: presenza dos científicos santiagueses nas mellores publicacións internacionais, creación de institutos de investigación con equipos de traballo estables, consolidación de procedementos de autoformación, o acceso da muller á docencia...

Estes profesores de novo perfil, principais actores da modernización universitaria galega, serían o branco esencial dos organismos depuradores. Todos eles, sen exclusión, veríanse inmersos nos procedementos indiscriminados da primeira vaga represora de agosto de 1936, e foron apartados da docencia, parcial ou definitivamente. Logo, coa creación de tribunais específicos que oficializaban a represión, estes profesores íanse ver incriminados en procesos concatenados en cascada que culminaron coa represión da vitoria en 1939, e as sancións sobre os mesmos profesores complementadas con causas abertas noutros tribunais e organismos de carácter xeral (Comisión de Incautacións, Tribunal de Responsabilidades Políticas, Masonería e Comunismo...). Houbo resistencias corporativas desde a propia institución universitaria para os procedementos sancionadores, levadas a cabo con moita cautela. As sancións máis graves recaeron sobre o profesorado ausente e, contrariamente, as colaboracións dos máis adictos da casa, co fin de colocarse nos postos dos ausentes: a delación con propósito ambicioso.

Agás para os que non volveron e permaneceron no exilio (Giral, Pi y Suñer, Virgós Guillén, Antonio Baltar, Couceiro Corral, Seijo Espiñeira, Sebastián González, López Durá...; aos que hai que engadir a aqueles que non chegaran a impartir aulas en Compostela, que gañaran a cátedra nos tempos previos ao golpe: García Bacca, Prados Arrarte e Sacristán Colás), a institución universitaria franquista tardou máis de 25 anos en recuperar aos excluídos. Outros profesores de proxección científica acreditada, como Parga Pondal, non volverían xamais ás aulas, ou o civilista Rajoy Leloup. Calvet, logo de deixar a súa impronta científica na empresa Zeltia, retornaría á docencia a finais de 1944, lonxe de Santiago, por intervención directa do reitor Legaz Lacambra, quen sería o principal artífice de accións asuntivas para recuperar ao profesorado excluído. Ou Miaja de la Muela, quen, logo de pasar media ducia de anos no cárcere, retornou á Universidade de Valladolid nos anos 50.

Pero o grupo máis importante é aquel que quedou capitidisminuído e sinalado como perdedor, con sancións de inhabilitación para ostentar cargos directivos e de confianza, por citar a pena menor á que foron sometidos: Charro Arias, Puente Sánchez, Casal Aboy, os irmáns Carrero Nine, Ramón Baltar, Cervigón Díaz... Un total de 40 profesores da Universidade de Santiago víronse sometidos a diferentes procedementos con sanción, que, dun cadro de persoal de 150, vén a supoñer máis dun 25% de afectación do "atroz desmoche" que titulara Laín Entralgo.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 15 de diciembre de 2006