Houbo un tempo en que estar ao día do que se cocía na música pop galega era cousa de nenos. Incluso en épocas douradas coma as de Andrés Do Barro e Voces Ceibes, os tempos da movida viguesa ou os non tan lon- xanos do bravú, os grupos podían ser contados cos dedos das mans. Hoxe a cousa está bastante máis complicada. Este ano que rematou, polo número de bandas nacidas -e confirmadas-, polo número de discos editados e polo incesante bulir de concertos e pecaminosa promiscuidade musical, vai ser sen dúbida un punto de inflexión na historia da nosa música: nunca tantos grupos houbo; nunca tantos estilos se fixeron; nunca con tanta normalidade se empregara o galego; e sobre todo, nunca a escena galega fora tan autosuficiente e, paradoxalmente, tan universal.
A asignatura pendente da música electrónica está superada e agora tínguese de eclecticismo
Nunca tantos grupos houbo, tantos estilos se fixeron e tanto se empregou o galego
Logo de catro décadas de ensaios exitosos no tempo pero fallidos na continuidade, a música pop galega ten atopado solución a moitos dos seus problemas estructurais nas novas tecnoloxías. As históricas eivas das que adoecía -principalmente a falla dunha industria discográfica propia con potencia suficiente- víronse solventadas coa democratización da informática e a Rede. Hai 10 ou 20 anos a única vía para que unha nova banda galega editase un disco era ter a sorte de conseguir un contrato discográfico co que mecenar a súa carreira. A día de hoxe as cousas teñen mudado de xeito considerabel e calquera banda pode gravar o seu propio disco -mesmo na casa en certos estilos- e autoeditalo -tanto físicamente como na rede- chegando ao seu público potencial sen pasar por intermediario algún.
Tamén a Rede é responsábel en certa medida da inxente cantidade de grupos que poboan a heteroxénea escea galega -nada menos que 349 grupos se presentaron á recente convocatoria do IGAEM da prometedora Rede Galega de Música ao Vivo- como propiciatoria dunha maior cultura musical e intercambio de influenzas entre a mocidade do país. Calquera adolescente galego pode hoxe ter entre os seus grupos favoritos un da terra, independentemente do estilo co que comungue. A ampla riqueza da nova escea galega permíteo, por fin, felizmente.
Unha das asignaturas pendentes da escena pop galega era a música electrónica, non tanto na súa faceta máis purista, onde xa colleramos o tren hai tempo grazas a pioneiros coma Prozac e as moitas propostas que xiran ao redor da escena electrónica viguesa. Onde realmente andabamos coxos e a destempo co que acontecía no exterior era na mestura bastarda con outros estilos contemporáneos. Un dos discos do ano, Far from perfect, dos coruñeses 6PM certifica por fin a chegada definitiva da música galega ao século XXI na dificil arte de mesturar instrumentos acústicos con instrumentos de silicio. Non foron os primeiros -xa anteriormente nos tiñan regalado fermosas melodías sintéticas os lucenses Humanoid e o compostelán Apenino dende o selo Jabalina Records- e tampouco están sós. Este ano viron a luz os debuts doutros compañeiros de xeración e estética coma os lucenses Kimuru - Todas las naves espaciales son de plástico- e Zimmer103 -Hattrick!-, os composteláns Fanny+Alexander -Lusco e fusco- e unha das grandes sorpresas do ano, Projecto Mourente co seu tecno pop en galego de Baixo os eucaliptos.
Pero non só se tende ao crossover dende a electrónica. O eclecticismo de formacións tan difíciles de etiquetar coma Galegoz -nacidos coma un grupo virtual a imaxe dos británicos Gorillaz e finalmente levados á vida real-, Colectivo Oruga ou os enormes Lamatumbá así como a vontade experimentadora de propostas coma Telémaco -segundos clasificados no concurso Gzcrea deste ano- é boa mostra de que as barreiras interestilísticas e o aburguesamento formal xa non teñen lugar na música contemporánea galega, outro feliz síntoma da súa vocación universal.
Aos amantes do pop máis clásico -ou mesmo do máis alternativo- xa non lles será necesario escrutar as páxinas da New Musical Express na percura do último hype chegado das Illas. Coa producción nacional van ter de sobra: dende o sinxelo pero exquisito pop acústico de Como un maldito guisante, o moi loubado debut dos baionenses Niño y Pistola, até o escuro e elegante pop de Reel #1, primeiro longo dos vigueses CatPeople, pasando pola saudade pop e shoegazer dos grovenses Nadadora, o power pop de The Homens e Bang 74, o pop sixties de Quant, Phantom Keys e Megapurple Sex Toy Kit, o máis guitarreiro de Igloo, Moon Cresta, The Majestics e Islabikini e os sons planetarios dos ourensáns Annie Hall.
Mesmo se o escrutado non é a NME senón a Rolling Stone, a oferta segue a ser inabarcábel para un ouvinte pouco aplicado: dende a Americana de Sevigny co seu moi aplaudido Melancoholic até a mirada new wave do What's Up -primeiro longo dos ex-Elephant Band MEU-, pasando polo rock n' roll clásico dos pontevedreses Sugar Mountain, o fun rock de Loretta Martin e Dr. Funkstein, o son garaxeiro dos herculinos Junk Food, a fonda pegada dos 90 de The Lonely, Dreams of Dolly Sheep e Sweet Oblivion e o prometedor rock en galego de Ataque Escampe, Snatch e Trifulka.
Tamén os siareiros da experimentación vangardista teñen o seu espazo nesta nova escena galega en propostas de guitarras ruidistas coma as de Triángulo de Amor Bizarro -que editarán o seu debut a comezos de 2007 con Mushroom pillow-, Noise Project ou os composteláns Sebastopol, sen esquencer o post-rock de Hanom Ausse e Os Deuteronistas, eternos semifinalistas no concurso de maquetas do Festival de Benicàssim.
Nos sons máis duros e acelerados, onde hai boa tradición e un panorama ben nutrido, están aparecendo novas bandas que, máis que relevar, engrosan as numerosas filas xa existentes. As guitarras saturadas parecen ser as que máis fidelidade e constancia están demostrando, con grupos coma Zënzar, Skacha ou Ruxe-Ruxe que, trás vinte, quince e dez anos de carreira respectivamente, veñen de editar novo disco en 2006. Todo un récord que de seguro queren igualar as novas bandas de inspiración punk e rock coma Iribarnes, Skarmento, Los Santos ou High Hierras, alén dos máis veteranos Samesugas, Soak e Tiro na testa.
Tradicionalmente o rock, a mestizaxe e os ritmos xamaicanos adoitaban monopolizar a producción musical na nosa língua. En certa maneira segue sendo así: aí temos a conexión Coruña-Vigo-Kingston do boísimo ska tradicional de Dandy Fever e Transylvanians e o ska punk de xovencísimas bandas coma Trapallada e Dakidarría.
Pero nos últimos tempos comezamos a escoitar a nosa língua en practicamente calquera estilo, lonxe de encasillamentos políticos e/ou estéticos. A longa lista xa citada hai que sumar agora a bandas de metal como NAO, Alén, Ofensiva, Presencia Zero ou Fungo e formacións de hip hop coma Dios ke te crew, Os Trasnos de Moscoso ou a banda de Compostela Nonresidentz/Malandrómeda. Dous estilos, o metal e o rap, nos que o galego ten pasado de ser rara avis a ter, por fin, unha presenza importante.
A este extenso catálogo de novas propostas hai que engadir os numerosos proxectos de vellos coñecidos reinventados para o novo século. Aí temos os casos dos siniestros Julián Hernández, que acaba de editar un disco en compaña do acordeonista dos Diplomáticos baixo o nome de Transportes Hernández y Sanjurjo, e Miguel Costas, que anda enredando coa súa nova Banda Turca. Na mesma situación se achan os ex Heredeiros Toñito de Poi e Javi Maneiro cos seus proxectos respectivos, A Banda de Poi e Jabón Blue, e ilustres da escena ourensá dos 80 -Cosecha Roja e La Rosa- agora coma Burgas Beat e Magín Blanco.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 12 de enero de 2007