O compostelán Abe Rábade, de 29 anos, lidera desque tiña 19 o Abe Rábade Trío, con Charlín e o portugués Bruno Pedroso á batería. Acumula premios (Tete Montoliú ao Pianista Revelación en España en 2001) e discos. A quinteto (GHU Project vol. 1, 2004) e co trío de sempre. O último, Playing on Light (2006), música sobre fotografía analóxica. Colaboracións á parte, en 2006 tamén compartiu a súa experiencia como compositor con Guadi Galego e Ugia Pedreira en Nordestinas, publicitado coma "unha visión contemporánea da tradición mariñeira".
Ás veces critícano por frío ou demasiado académico. Os xuízos non adoitan ser de manual, senón virados cara ás típicas retesías entre vellos e novos. Joe Zawinul , o ex teclista de Weather Report, reprendía os xoves por iren demasiado rápido "en troques de vivir un pouco". Rábade non atopa ningún Zawinul entre os seus críticos. "Fódeme cando se menciona exclusivamente o de Berklee [onde se licenciou]. Eu cheguei aquí en 2000 e empecei a miña carreira profesional en Galicia. Tiven a sorte de poder estar en contacto directo con esta música no país onde naceu, sen a palla mental da improvisación. Eu non podo dicir qué é jazz, pero si podo dicir qué non o é. A improvisación xorde naturalmente cando un domina todos os recursos expresivos do jazz".
"Nós estamos aquí", continúa, "sen necesidade de matar os pais e cunha actitude de respecto. Algúns deles sentiron a necesidade de controlar o fillo e que non se lles puxera en evidencia, cousa que sucede naturalmente". O pianista compostelán é consciente de que o o contexto e o tempo poden facer abalar unha disciplina artística, por nova que sexa a súa implantación en Galicia. "O conflito xeracional clásico agravouse porque o jazz se academizou", opina. "Este país merece unha especialidade de jazz consensuada e de alta calidade. Haberá que esperar, posiblemente".
Tema á parte, a cuestión do jazz galego tras a constatable defunción do muiñeira jazz. "Eu prefiro falar de jazz feito en Galicia. O folk é un invento en todas partes, e cómpre asumilo. Si é certo que nos ritmos da música popular galega se poden atopar cousas reciclables, e arranxar esa música é un xogo moi bonito".
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 12 de enero de 2007