"Soñamos cun futuro coma o d? O planeta dos simios. O pop para nós é o último folk", comentan os coruñeses de Triángulo de Amor Bizarro. Non semellan atordoados pola crítica -Última esperanza branca do pop nacional, O mellor debú desde Los Planetas-, e o 19 deste mes sairá o seu disco homónimo en Mushroom Pillow.
O groso das novidades musicais galegas deste mes de febreiro compite coas do resto do mundo desde myspace.com. Aquí habería que dicir que a maioría son música moderna no sentido que lle atribúen ao retrouso os membros do Triángulo. Hai ben anos que a música de New Order -por poñer o exemplo da canción coa que se identifican os coruñeses- se podería considerar música de raíz. Así, autoeditados ou promocionados en vinilo vintage, en galego, castelán ou inglés, os grupos galegos compiten con calquera, sequera desde a Rede. Por poñer unha chata transversal, igual a indietrónica galega perde peso con tan poucos exemplos dese pop narrativo que tan ben se dá en Cataluña -en galego ou en castelán-, pero ese é outro caso.
O día 12, Ernie Producciones saca Una luz de estío glacial, o esperado segundo disco de electrónica e guitarras de Igloo, banda na que forman antigos membros de Deluxe. Precisamente a finais de febreiro, Xoel López prevé lanzar Colillas en el suelo, o primeiro single do seu segundo disco en castelán. Á espera de que os lucenses Holy Water se metan a gravar temas do seu terceiro disco, e sen saírmos de Lugo, Dr. Think (Álvaro Pardo) e Mr. Rolling (Miguel Rulos), xuntos en Telémaco, veñen de incorporar ao seu proxecto aos artistas visuais D-Random, do coelctivo Usmiko. Agora mesmo cociñan o seu segundo proxecto despois do celebrado Outótono (Aire). E tamén é posible que Falcatruada lance a finais de mes a Gallaecian Metal Compilation, un magnífico batoallo con 26 das mellores bandas do metal galego.
Desde outra xeira, a viguesa Nalda comezará a gravar a súa segunda maqueta como posible primeira referencia do selo indie sevillano Bubbletone, atraído polo seu pop intimista con moitas chiscadelas a Belle&Sebastian. Máis alá das músicas anglosaxonas, e por entre elas, cómpre citar as novas que prepara A Regueifa Plataforma para este mes. De entrada, reedítase O verme homicida, a primeira maqueta dos Skornabois, e unha compilatoria dos santiagueses Dirty Barriguitas. Desde A Regueifa tamén se poderá acceder aos temas de Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos, a primeira maqueta dos composteláns Ataque Escampe, rock en galego de raíz norteamericana. Unha reciclaxe de "músicas malditas [inclúen aquí a Jonathan Richmann ou Violent Femmes]" contra a situación do rock cantado en galego, que -destacan- "segue sendo marxinal". Os ponteareáns de Colectivo Oruga presentan o 12 de febreiro n?A Regueifa o seu primeiro cedé, Ricos modernos, unha mestura de electrónica e grunge clásico que aínda se debullará noutros soportes.
Por suposto, aínda hai representación para o elegante ruído analóxico do rock de garaxe: o selo coruñés El Beasto presenta o luns o primeiro single, en vinilo de 7", dos grovenses The Phantom Keys. Unha revisión persoal do garaxe que xa chegou ás tribunas estatais deste estilo.
Seguindo coas músicas modernas, e tras a aparición do último disco de Milladoiro, as principais novas do folk galego exceden febreiro, anque desde Ouvirmos e PAI anuncian "novas importantes". O disco de Uxía está en preproducción. O primeiro de Rosa Cedrón semella máis inminente. Berrogüetto ocupará o último número de Cartafolk, a revista de Óscar Losada.
Canto ao jazz, o 24 comeza Jazz no Principal, o ciclo que organizan en Pontevedra os músicos do Seminario Permanente. O último disco dun dos seus creadores, Abe Rábade (Playing on light), vén de ser riscado en Cuadernos del Jazz como mellor disco do jazz español en 2006. Máis adiante, o 3 de marzo, Alberto Conde levará o seu Andaina ao Teatro Caixanova de Vigo. O fito servirá, segundo Conde, "para constatar a presenza do jazz galego no World jazz e nos grandes escenarios".
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 9 de febrero de 2007