Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
A FRONTEIRA INTERIOR | LUCES

A existencia dunha literatura bravú

O movemento bravú excedeu o ámbito musical. O crítico Iago Martínez avisa, precisamente, daquela "ambición bravú de levar a etiqueta alén dos grupos". Revistas como Bravú ou Animal+ confirman a impresión de Martínez. "Aquilo provocou", explica, "que se encadrase na literatura bravú a xente como Manuel Seixas que, probabelmente, non ten nada que ver co invento".

Para o escritor Santiago Jaureguizar, con todo, existiu unha literatura bravú, "pero veu despois da música". Jaureguizar rememora a presentación do seu libro Fridom Speak en Santiago de Compostela: "Na presentación estaba Xurxo Souto, en 1995, e xa falamos da necesidade de estender o movemento a outras artes".

O autor vasco galego asegura que si existiu unha literatura bravú. "Unha obra como Un millón de vacas, de Manuel Rivas, ou as crónicas de Xurxo Souto", afirma, "son bravú e seguen a conservar interese e calidade". "Amais de todo isto, o bravú permitiume publicar os primeiros libros", remata Jaureguizar.

María Yáñez amosase escéptica: "Non sei se se pode falar de literatura bravú, porque dous libros non forman un movemento". Mais Xurxo Souto nomea Todo a cen, de Santiago Jaureguizar. "A literatura acolleuse á etiqueta bravú", explica, "e a nós pareceunos moi ben, que para iso creamos o movemento e a etiqueta". Do seu propio A tralla e a arroutada. "Trátase dun documento dunha época, armado por textos e documentos bravús, do que eu estou modestamente contento", finaliza o que fora líder d' Os diplomáticos..

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 23 de febrero de 2007