Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Entrevista:REBECA BACEIREDO | Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2005 | LUCES | AS LETRAS E AS IDEAS

"A razón non se tería que asimilar aos xogos analíticos"

Ninguén quixo ler a súa tese, pero Rebeca Baceiredo presentouse ao Premio Ramón Piñeiro de Ensaio de 2005 e O suxeito posmoderno: entre a estética e o consumo, que escribiu con 25 anos, acabou gañando. Entón a autora ourensá contestou preguntas e someteuse ao escrutinio público da crítica con torreiro, quizais non afeita de todo aos lexemas da posmodernidade.

N'O suxeito posmoderno, Baceiredo tenta explicar o devalo do suxeito occidental, "que perdeu os referentes, pero non a necesidade de telos". Malia a ambición teórica do ensaio, que mestura disciplinas científicas coa prospección filosófica, a escritora non quixo dar unha explicación total. "As miñas respostas son as respostas que eu decido", di Baceiredo, que non pensou preguntas a priori á hora de artellar o libro. "Eu non concibo así a investigación. É máis ben a procura instintiva de explicacións dun perfil psicolóxico". Na descrición dun suxeito contemporáneo cada vez máis limitado para a vida e para a interpretación da acedume do real, Baceiredo non albisca posibilidades estruturais de subversión. No que atinxe ao sistema económico, "é posible unha escala de grises", sinala. "É o que hai". "Un artellamento social menos ríxido só sería posible en comunidades pequenas".

"A subversión está na manobrabilidade da realidade. A razón non se tería que asimilar aos xogos analíticos"

A arte como acubillo é outro tema. "Na medida en que non hai delimitacións ríxidas de sentido, aí están as posibilidades de subversión. Na manobrabilidade da realidade". "Eu creo", remarca o verbo, "que a razón non se tería que asimilar aos xogos analíticos. A razón poética, toda a realidade que hai polo medio ... Os instrumentos son os conceptos, pero hai que adubialos, e iso non consiste en engadirlles realidade, senón en lembrar a realidade extensa á que se remitían. Os conceptos teñen que recuperar o real, e o real é móbil".

Baceiredo é consciente de que a sublimación a través da arte non está ao alcance de todos. Sobre a obrigatoriedade dunha ontoloxía estética e política a un tempo, afirma que a estética "está moi preto da ontoloxía". Porén, O suxeito posmoderno traballa conceptos de Deleuze -entroutros- plenamente vixentes na súa fluidez, alén da hermenéutica fundacional. A autora considera que a política da estética "está implícita" no seu libro. "Se é por listas [de filósofos] cadaquén ten a súa". Sobre feminismo da diferenza, becoming women e a lectura do momento actual desde a perspectiva da identidade sexual, Baceiredo esténdese, pero rexeita os xuízos de valor. "Eu non fago ningunha valoración", di. Se tivese que repetir o ensaio mantería "a mesma liña, explicitando mellor os fundamentos teóricos e a posibilidade de potencia política da arte".

Preguntada ao respecto no ronsel do premio, a ourensá apúxolle á cultura galega un exceso de reafirmación debido a lagoas históricas. "Despois de atoparse, queda non precisar da reivindicación da existencia, e simplemente desenvolverse", sinala. O espazo que abriu para si c'O suxeito... tamén se desenvolve agora.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 9 de marzo de 2007