Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Entrevista:PAULINO VÁZQUEZ | Poeta | LUCES

"Interésame rachar co que denomino 'o poético estabelecido"

Paulino Vázquez (Vilanova dos Infantes, 1962) publicou o seu último libro en 1998. A experiencia inglesa, autoeditado -"cansei de mandalo a concursos e algún editor dábame tres anos de prazo para sacalo"-, precedeu a O tempo que respira. "O poemario está rematado, faltan certas filigranas, pero esgotoume", di este atento lector de "Claude Simon, Ferrín, Eliot, Chus Pato, Pound, os que non ceden".

Pregunta. Non é usual, na Galiza, dez anos sen publicar...

Resposta. Custa moito buscar secuencias novas, ritmos que se esgoten nun libro. Amais, traballo moito os poemas, emprego moita bibliografía. Se eu escribo unha homenaxe a Virginia Woolf, preciso ler a súa obra, as súas cartas, coñecer a relación entre o seu pai e a súa nai, para me mergullar no seu mundo. Tamén creo que un non abandona a poesía, senón que a poesía o abandona a un.

P. Como se enfronta, daquela, á construción dun poema?

R. Sufro unha especie de horror vacui. Empezo cunha palabra e vou sumando intuicións, cores, un adxectivo. Non conto con esquemas métricos fixos para que non me arrastren, porque co soneto hai o risco de que o poema o faga máis o soneto ca ti. É o máis parecido a unha fuga, con todo o respecto e a distancia cara á fuga. Interésame evitar o que chamo 'poético estabelecido'.

P. Outorga grande importancia á musicalidade...

R. Existe unha especie de ditadura do enunciado e ao falarmos de música, pensamos en rima. Pero eu falo do tremendo ritmo da prosa de De Quincey, por exemplo, que non é nin 3/4 nin 2/8. Estou a prol da poesía moderna, dislocada ou de vangarda, aínda cando o contido non me atraia. Falo dun mundo clásico desde posicións estéticas rupturistas.

P. A que se debe a súa anglofilia militante?

R. O inglés paréceme, e sei que isto pode ser unha superstición, un galego libre, intuitivo e pouco atado á lóxica, cunha liberdade sintáctica infinita. E sei que, sen embargo, a Joyce lle parecía tortuoso escribir en inglés.

P. Recoñécese no grupo de poetas dos 80?

R. Se cadra nos una o feito da literariedade, pero non me sinto vinculado a ningún grupo. Eu levábame, sobre todo, con Eusebio Lorenzo Baleirón, e as nosas poéticas resultan moi diferentes. Os marcos cronolóxicos son unha miga escolares e as loitas entre xeracións tenden á propiedade privada. Amais, se algo caracteriza a literatura galega é a dispersión. En calquera caso, Rodríguez Baixeras e Xosé María Álvarez Cáccamo son, para min, clásicos. E por suposto, a obra de Anxo Quintela, un dos autores máis importantes e difíciles de enmarcar xeracionalmente.

P. E na poesía galega arestora?

R. Chus Pato, para min, é unha especie de ofrenda emocional inmerecida. Considérome un deses poetas menores que facemos falta para que apareza un poeta maior, daquela, Chus Pato. E atráeme a liberdade coa que respiran e se chantan perante o idioma as obras de Olga Novo, Xabier Cordal ou María do Cebreiro.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 16 de marzo de 2007