Por esas cousas boas do oficio, traballo nas últimas semanas na restauración dixital dunha mini-serie sobre Castelao producida en Arxentina en 1980 e realizada polo arxentino Jorge Preloran con guión do galego Antonio Pérez Prado. O Castelao que aí aparece ten a avantaxe de ser froito da interpretación dun realizador que non sabía nada previamente de Castelao e de Galicia e dun galego que sempre viviu na emigración instalado na paixón pola vida e por Galicia, practicante dun cosmopolitismo aberto e que non coñeceu en vida a Castelao.
Debe ser por iso que nos explican un Castelao bastante máis global e inédito do que as liturxías, tanto a oficial como a reivindicativa, teñen manexado entre nós. As esencias e constantes de Castelao están, para min, no republicanismo (no máis absoluto sentido civil e humanista da palabra), no nacionalismo e nunha enorme curiosidade intelectual polo seu tempo. Seguindo a traxectoria biográfica de Castelao é inevitable facer un percorrido intenso pola primira metade do século XX, con todas as confrontanción ben intensas co que pasaba en Galicia, en España e no mundo.
Nos últimos anos, despois do esperpento que rodeou o traslado dos restos de Castelao a Galicia nos 80 (e, se cadra, como consecuencia desa saturación simplificadora) non se fala tanto do intelectual de Rianxo e non sei se esa atonía entronca directamente co estado sumo de melancolía, desfeita e desesperanza no que morreu Castelao en 1950. Ambiente que case se mastiga no cuarto final que ocupou no sanatorio do Centro Galego de Buenos Aires e que se conserva como espazo de conmemoración e memoria. Por iso creo que sería un enerxético exercicio intelectual propoñer respostas á pregunta: ¿Que pensaría Castelao, se vivise hoxe, da actual situación política e cultural de Galicia?
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 23 de marzo de 2007