Os coruñeses Nouvelle Cuisine xa foran grupo revelación do Contempopránea 2006 coa súa maqueta La merienda, a mellor entre 700. Ningunha discográfica lles fixo caso, así que Autodictado vén de facerse disco (autoeditado), pero pódese descargar de balde desde A Regueifa.
Os extras pensáronos á parte. "Baixar os 12 temas é gratis, pero pensamos na xente que decidise ter o CD e revalorizamos o obxecto", di Carlos Lens, un dos seus membros. Fixérono pintando cadros cun esprai e dividíndoos en 24 unidades. "Cada un vai numerado, así que o dono dun CD terá unha peza única e irrepetible". Xa van 400 descargas e case 100 cedés.
Tamén se pode descargar desde o seu myspace a nova maqueta dos composteláns Sebastopol, La canción de Sebastian-Paul, con seis temas novos. O día 14, Nouvelle e Sebastopol tocan xuntos na sala Karma de Pontevedra. Como o mapa das influenzas pop está cheo de recorrencias, poderíase distinguir a Nouvelle pola súa mestura de chanson, bossanova, rock americano e pop elegante. Ahmed, o cantante de Sebastopol, nomea ao saír do seu traballo de auditor a Joy Division, Galaxy 500 "e o primeiro Chinarro, por citar algo". Falando doutras cousas, Ahmed confórmase con seguir vivindo da música "emocionalmente".
Outra nova para mediados de abril é o segundo disco de Galegoz, Revolution Dance (Aldea Music). Na xénese, Marcos Payno abandonou A Matraca Perversa e o que ía ser un musical para unha obra teatral, en colaboración con Denís Mutante, converteuse na réplica galega de Gorillaz, a banda virtual que pariron Damon Albarn e Jamie Hewlett para divertirse. "Para este disco xa alugamos cacharros bos", di Payno. A mellor factura das bases electrónicas non lles impide mesturar reggae, funk e música disco. "Un pouco de todo", segundo o cantante. "Incluso algo de onda balcánica con bases. Para electrónica pura xa temos Le Glamour Grotesque [o seu proxecto paralelo]". Entre os colaboradores deste Revolution dance, xente de Violadores del Verso e a Compañía do Ruído de Ribeira.
Unha banda que se distingue, no seu caso "do hip hop que se fai aquí", segundo o mc Alberto Freaza, son Os Trashnos de Moscoso. Veñen de colgar na súa web Denominación de Orixe: Rap do país, a súa primeira maqueta, tamén dispoñible na Regueifa. "O noso produtor domina a electrónica, e penso que iso nos diferencia un pouco", di Freaza. Déixanse ensarillar na cuestión do xénero, pero escoitan "desde Matt Elliott a Sepultura".
Nun galego máis tradicional, PAI Music conta sacar contra o 20 de abril Da miña xanela á túa, o terceiro disco de Malvela. Catorce cantareiras de entre 50 e 81 anos e seis músicos profesionais facturando cancións, segundo Ana Senlle (dirección vocal e pandeireta), "de raíz galega adaptada aos tempos". O disco da señora Carme de Mos, a máis veterana de todas, será o seguinte.
No roteiro folk habería que lembrar que o primeiro disco de Rosa Cedrón, Entre dous mares (Warner Music), está nas tendas desde finais de marzo. As decisións da portada débense en boa parte ás compañías, e a que fora cantante de Luar na Lubre xa sinalou que non considera que sobreproducisen o seu debú. Tamén en boa compañía, o gaiteiro Anxo Lorenzo é mañá o invitado galego en Villaviciosa, no festival Maestros Gaiteros nel Siglu XXI. Alí compartirá escenario con Patrick Molard, Fred Morrison, Jarlath Henderson e o asturiano José Manuel Tejedor. Lorenzo di estar "encantado". Agora está gravando o seu primeiro disco en solitario, malia manter a banda Spíritu 986. Kathryn Tickell será unha das estrelas convidadas no seu debú como gaiteiro principal.
Chegados aquí habería que mirar cara Portugal. O 23 de febreiro de 1987 morreu o Zeca Afonso, e o 13 de abril réndeselle homenaxe no Pazo da Cultura de Pontevedra. Entre os artistas convidados estarán Vitorino, Janita Salomé, Sergio Godinho, Júlio Pereira, Dulce Pontes, Zeca Medeiros, Joao Afonso e Cantadores do Redondo. Por parte galega, Faltriqueira, Mercedes Peón, Narf, Víctor Coyote, Antón Reixa, Uxía e compañeiros de viaxe como Benedicto, Miro Casabella ou Xico de Cariño.
A TVG gravará o espectáculo, que se emitirá regulamentariamente o 25 de abril. Haberá que velo pola televisión, porque o concerto esixe convite.
A sorpresa agradable da primavera xa a anunciou hai tempo Sinsal Audio: Bonnie Prince Billy, o autor de I see a darkness, estará en Vigo o día 3 para presentar The letting go.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 30 de marzo de 2007