A produción dramática de Álvaro Cunqueiro vén de ser recollida nun só volume pola Editorial Galaxia. A primeira edición completa dos textos teatrais en galego do autor de Herba aquí ou acolá aparece na Biblioteca Álvaro Cunqueiro presentada como unha ampliación de Don Hamlet e tres pezas máis, de 1974. As dúas escenas de A dama que engañada por un demo elegante quixo mercarlle ó vento a perdiz que falaba, que se publicara xunta Si o vello Sinbad volvese ás illas en 1961, Rúa 26 (Diálogo limiar), de 1932, e Xan, o bo conspirador, escrita en 1933 pero inédita até 1978, son os traballos que contén o libro de Galaxia.
O teatro de Cunqueiro válese dos recursos habituais nos títulos canónicos da súa narrativa. O desbordamento da fantasía, o estabelecemento de pontes entre tradicións culturais, a non convencionalidade formal ou o cruzamento do mito e do imaxinado caracterizan as páxinas de Don Hamlet e outras pezas. Teatro galego completo (1932-1968).
Galaxia pon na rúa, asemade, a terceira novela de Inma López Silva. Titulada New York, New York, a obra mestura realidade e fición e constrúese con arquitectura de diario que transcorre nas rúas de Nova York. Os textos apareceran antes publicados no blog de López Silva. A editora viguesa tamén comeza a publicación de obras dedicadas a María Mariño, lembrada no Día das Letras Galegas deste ano, cunha Antoloxía poética elaborada por Patricia Arias Chachero, e coa polémica Biografía de María Mariño, do éscritor noiés Xerardo Agrafoxo.
Precisamente a enigmática figura da poeta María Mariño adquire unha miga máis de luz coa edición de Más allá del tiempo, o seu libro inédito escrito en castelán e concluído en 1965, que xunta verso e prosa, e que se atopaba en poder do xornalista lucense Juan Soto, onde o depositara Ánxel Fole. Publicado por Alvarellos Editora, para a autora do estudo limiar, a profesora Helena González, Más allá del tiempo recompón "o puzzle incompleto da obra e a biografía de María Mariño". A lírica tensa e escordada de Mariño confírmase en castelán e revela, segundo a ousada aposta de Helena González, "referencias, pegadas e emocións que axudan a reconstruír a súa vida".
A achega de Edicións Xerais de Galicia á conmemoración da obra de María Mariño sae ás librarías da man de Carmen Blanco. María Mariño. Vida e obra actualiza e amplía os traballos da profesora lucense sobre a poeta noiesa. Blanco foi, coa poeta e xornalista Ana Romaní, unha das pioneiras na lectura feminista da autora de Palabra no tempo e Verba que comenza. Xerais xa botara, en 1994, a Obra Completa de Mariño, reeditada hai uns meses co gallo da celebración.
A colección As Literatas, da mesma editora, reaparece coa tradución de dúas novelas de escritoras centrais do século XX. A voda, da estadounidense Carson McCullers, e Ancho mar de argazo, da dominicana Jean Rhys, enfocan as relacións de dominación en sociedades tan distantes como a norteamericana ou a xamaicana. A primeira novela do cineasta coruñés Héctor Carré, Diario dun impostor, móvese entre a intriga e o humor e distribúese co selo de Xerais. Agustín Fernández Paz, na mesma editorial, publica a 20ª edición, corrixida e ampliada, da novela Cartas de inverno, do que leva vendidos máis de 65.000 exemplares.
A editora Amastra-N-Gallar constitúe un dos proxectos máis singulares do campo literario galego. Herdeira do selo Noitarenga, que dera luz a libros como Letras vencidas, de Manuel Outeiriño; Aquí, da alemá Hilde Domin; ou Poesía fea, de Lupe Gómez, e radicada na vila de Lalín, detrás de Amastra-N-Gallar atópase o filósofo e poeta Emilio Araúxo. Na actualidade, a editorial Amastra-N-Gallar desenvolve unha serie de opúsculos de poetas de todo o mundo sobre a imaxe dun peliqueiro ou felo.
O propio Araúxo vén de editar ACT IVIDA DESC ULTURAIS, un libro no que se enfronta á desaparición do mundo labrego a partir dunha cociña fotografada durante 20 anos. Un inventario de sombras e louza fendida, de cinza e ruína en rigoroso branco e negro.
Unha das maiores peculiaridades do labor de Amastra-N-Gallar, que publica trimestralmente unha revista arredor do acto poético e con contribucións internacionais e baixo o mesmo nome, reside na gratuidade do material. Amastra-N-Gallar ofrece, sempre, edicións non venais e distribuídas a man que se poden atopar en numerosas librarías de todo o país.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 20 de abril de 2007