Boa parte do éxito ou do fracaso da proposta española na Bienal de Venecia recaerá sobre as costas de Alberto Ruiz de Samaniego (Fene, 1966) o primer comisario galego neste evento. Fronte o que ocurriu nas dúas últimas edicións da Biennale, cando o pavillón español estivo ocupado pola obra dun único artista, nesta ocasión Ruiz de Samaniego decidiu apostar pola mistura e convidar a catro creadores procedentes de distintas disciplinas artísticas para que aporten a súa visión sobre o concepto de Paradiso spezzato (lema do pavillón) que describe na súa obra o escritor norteamericano Ezra Pound e que tamén ten moi presentes as aportacións filosóficas contidas nos textos de Friedrich Nietzsche e Marcel Proust.
A designación de Samaniego como responsable do pavillón español en Venecia foi recibida con sorpresa nos círculos artísticos de Madrid, que apenas coñecían a traxectoria do comisario galego, que non centra a súa actividade no comisariado de exposicións, aínda que xa ten experiencia neste campo coma amosou coa mostra que realizou o propio Manuel Vilariño no CGAC hai algúns anos. Samaniego -profesor na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, crítico e autor de varios libros de contido filosófico e artístico- elixiu aos artistas que ían estar presentes no pavillón español pola consistencia da súa traxectoria e pola súa coincidencia con algunhas das cuestións filosóficas que se atopan na base do seu proxecto expositivo.
Samaniego non cre no fetichismo dos nomes e por iso a nómina de artistas españois presentes en Venecia estará formada por dous creadores cunha obra que coñece en profundidade pola súa proximidade aos mesmos -Vilariño e Ramos Balsa- e por outros dous que encaixan á perfección no seu proxecto, o dúo artístico Los Torreznos e o cineasta José Luis Guerin.
Comprobar como encaixan as pezas na estrutura do pavillón será unha das incógnitas que se desvelarán coa apertura da Bienal. O comisario pretende que as propostas seleccionadas contribúan a rematar co tópico que identifica a Venecia coma un territorio vencellado a unha imaxe mórbida.
Ao seu xuízo a cidade italiana significa todo o contrario: " Venecia é unha arquitectura extraordinaria nacida nun lugar imposíbel. En certo sentido representa un paradigma do milagre da arte".
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 25 de mayo de 2007