Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:DO TRINQUE | LUCES

Reencontros e nova poesía

O regreso de Murado á narrativa, debús poéticos e os dardos de Borrazás contra o sistema literario, entre as novidades de maio

Hai apenas dous meses, o escritor Miguel Anxo Murado (Lugo, 1965) publicaba, en castelán, La segunda Intifada. Historia de la revuelta palestina, a medio camiño entre a historia e o xornalismo. Tres anos logo da súa última incursión na literatura galega, o libro de poemas Lapidario, Murado regresa co volume de relatos O soño da febre. Atravesados pola "pantasma da febre", os textos empregan estratexias oníricas ou simbólicas para tecer "unha galería de historias sorprendentes na que a atmósfera cose como un fío as diferentes narracións".

Con Trinta e dous dentes, un dos narradores máis firmes da paisaxe das letras, Xabier López López (Bergondo, 1974), ficou finalista do premio Gonzalo Torrente Ballester do ano pasado. Segundo a presentación editorial de Galaxia, a novela de López López revístese de "narrativa picaresca e de iniciación" pero traza "unha metáfora sobre a minoría de idade imposta a individuos, culturas e sociedades". Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) reaparece nesta mesma sección Literaria de Galaxia coa terceira edición d'A compañía clandestina de contrapublicidade. Gañadora do certame Álvaro Cunqueiro en 1997, a novela de Aleixandre constrúe, arredor dunha fraude relacionada co aceite, unha historia de vinganza e reflexión sobre o real e o imaxinario. Teresa Moure reaparece nas librarías con Benquerida catástrofe. Logo da repercusión acadada por Herba Moura, premio Xerais en 2005, a profesora e escritora monfortina afonda nos procesos de realización das identidades sexuais.

O prolífico novelista Santiago Jaureguízar (Bilbao, 1965), que viña de tirar A cova das vacas mortas, volve á carga con Plastilina nos pulmóns, na renovada colección Catavento da editora Tambre. Galegos no Himalaia e a cámara de fotos de Mallory, o lendario alpinista que faleceu en 1924 cando tentaba chegar ao cimo do Everest, circulan polo libro dun Jaureguizar cadora máis inclinado a situar a acción en paraxes inéditas.

Con Derradeiras conversas co capitán Kraft, na colección Dombate de Galaxia, Oriana Méndez (Vigo, 1984) publica o seu primeiro libro de poemas. Portador de proxecto estético e ideolóxico, Derradeiras conversas... súmase a unha serie voces poéticas femininas que comezan a rachar co etiqueta "poesía de muller" tal e como se entendeu durante a pasada década. A ese obxectivo parece apuntar a contundencia de Ortigas, o debut en libro de Xiana Arias Rego (A Fonsagrada, 1983). Publicado en Espiral Maior, logo de obter o XIX Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, Ortigas arma un discurso onde o persoal é político e a escrita desvela o atroz da vida moderna.

Xosé Antón Cascudo (1975) publica igualmente o seu primeiro libro individual, Manual do misántropo. Coeditado por Espiral Maior e a Xunta de Galicia, o libro de Cascudo levou o primeiro premio GzCrea de poesía convocado pola Dirección Xeral de Xuventude. O colectivo Isto é un poema e hai xente detrás recolle os versos de Lucía Aldao, Brais González, Ledicia Costas, Alberte Momán e Verónica Martínez Delgado mencionados no mesmo concurso. O clasicismo métrico e temático de Xosé Carlos Gómez Alfaro (Ribadavia, 1949) aparece tamén en Espiral Maior, casa onde xa sacara O clamor da eclipse ou Alba plena do alén, con Mar aberto, un libro que xorde da catástrofe do Prestige.

Superado o Día das Letras e o seu excedente de biografías, ensaios interpretativos e textos de divulgación sobre a figura homenaxeada, María Mariño neste caso, o ritmo de publicación de non fición normaliza a súa cadencia. Os agudos estudos do historiador catalán Josep Fontana (Barcelona, 1931) aparecen, da man da editora Laiovento, en A construción da identidade e outros traballos de historia. Fontana trata a construción histórica das identidades, os problemas da representatividade política, os fenómenos migratorios ou a restauración da monarquía no Estado español. Sempre dende unha óptica progresista -Fontana descrébese coma "roxo"-, a obra do catalán achégase, con matices, ás perspectivas críticas de autores coma Vicenç Navarro ou Carlos Taibo.

Arte e parte conforma a primeira incursión no eido ensaístico en formato libro do narrador Xurxo Borrazás (Carballo, 1963). Arredor das vicisitudes de se dedicar á literatura en Galiza, Borrazás subtitula o volume Dos patriarcas á arte suicida.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 25 de mayo de 2007