O verán é pródigo en mostras de teatro, deixando á parte festivais e estreas. Mentres unha ampla nómina de persoas discute cláusulas e contidos que caiban no futuro Plan Galego das Artes Escénicas, a XXIV Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas enfía os seus últimos días. Coma no Morrazo, Ribadavia, Santiago, A Coruña, Cariño, Cee ou Lalín tamén han ser dinamizadas pola actividade teatral. Polo teatro, que xa existía antes das achegas oficiais.
A capital do Ribeiro reparte as funcións entre o 17 e o 24 de xullo. O programa da XXIII Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia aínda non é público, pero o director da MIT, Rubén García, adianta algúns espectáculos. O do bailarín turco Ziza Azayi, que pecha a mostra con Dervish in progress, é unha análise da danza tradicional sufí, a mesma que no Islam lles posibilita aos derviches (os sufís islámicos) o acceso á éxtase mística. A obra de Azayi importa influenzas occidentais, na vella fusión de corpo e alma que une, no caso actual, "Oriente con Occidente e o pasado co presente".
Fraser Hooper, Bassi e Avelino González, profesores na oitava edición do Festiclown
Do 9 ao 12 de agosto, o Manicómicos da Coruña trasladará todo o teatro á rúa
Tamén o último día, a compañía madrileña Micomicón (a súa obra Los niños perdidos gañou o ano pasado o Premio do Público) presenta o musical Cancionero republicano. Coma o ano pasado, a mostra escolleu "batallar coa memoria", en palabras de García. As últimas lúas, a adaptación do texto de Furio Bordon que representa Lagarta Lagarta o día 20, insírese na mesma liña. En calquera caso, a reflexión sobre o realismo na vellez que dirixe Xulio Lago foi unha das mellores estreas do ano.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 6 de julio de 2007