Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:LUCES | A AVENTURA DA ESCENA

Onde nacen os actores

A Escola de Arte Dramática de Galicia forma a primeira xeración de actores profesionais

O primeiro día de curso parécese ao de outros centros de estudos. Hai nervios, presentacións, caras novas e reencontros. Indeferenza, pouca. A maior parte do cento de alumnos que asiste en Vigo á Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) rolda os 20 anos e está neste mundo igual cós universitarios de calquer campus galego. Pero, eis algo que os distingue, aquí ninguén está por estar. Para accederen a esta titulación superior tiveron que ser quen de superar un rigoroso proceso de selección que nada ten que ver coa selectividade, aínda que a súa formación é equivalente a tódolos efectos a unha licenciatura.

Son probas específicas que hai que preparar con folgos e que consisten nun exame de cultura teatral e na análise dun fragmento dunha obra dramática. Deste trámite inicial quedan a salvo os que acreditan, con moita solvencia por certo, ter experiencia profesional. Pero ninguén se libra de realizar senllos exercicios, teórico e práctico, referidos á especialidade pola que desexan optar. Neste centro, polo de agora, ofértanse dúas: Interpretación Textual e Dirección de Escea. Así que, unha vez superado o impacto de anunciar na casa que un se vai dedicar á farándula, que xa é moito dicir, hai que pisar a fondo e meter quinta. A primeira promoción da ESAD formará parte da xeración de actores, directores de escea, dramaturgos e escenógrafos galegos mellor formados da historia do país.

A primeira promoción da ESAD formará parte da xeración mellor formada de Galicia

Para os seus profesores, o máis esperanzador é que van ser os iniciadores dun camiño que xa non ten volta atrás. A lección inaugural deste ano académico do trinque déullela ós alumnos a actriz Mabel Rivera. Nun discurso emotivo e sincero, contoulles que sempre botaría de menos poder estar onde se encontran eles agora. "Téñovos envexa sá", confesou, "esixide as cousas que credes que necesitades". O oficio é igual de duro agora como antes, pero os estudantes de teatro "poden gozar do dereito básico á formación, unha base coa que presentar as armas primixenias dun actor que son o seu corpo e a súa capacidade expresiva", reflexionou Rivera. A este carpe diem, o director da ESAD, Manuel F. Vieites, engadiulle "o recoñecemento público ás persoas grazas ás que tamén estamos aquí".

O currículum de Vieites resérvalle un espazo de seu no teatro contemporáneo. Actor e director de escena, participou na creación de aulas de teatro, como a da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Pontevedra, e de compañías, como Teatro de Ningures, é membro do consello de redacción de revistas especializadas e da Asociación de Directores de Escena de España e continúa investigando verbo da pedagogía teatral e da teoría e historia do teatro.

Ata que asumíu a súa actual responsabilidade, en 2005, Vieites estivo á fronte do Instituto Politécnico de Vigo, un centro de formación profesional no que o 100% do alumnado saía con traballo. "Eu quero esa meta para esta escola", di. Polo de agora, a andaina da ESAD camiña polo terceiro curso e resta un ano académico para que dela saian os primeiros titulados. "Queremos crear un centro de iniciativas empresariais, que forneza de apoio legal, técnico e financieiro ós creadores. Andamos á procura de novos ámbitos profesionais explorando os eidos da animación e das aplicacións terapéuticas", explica. De igual modo, ten en mente asinar convenios con outras institucións que abran a escola á cidade e a organización dun campus internacional de verán que sitúe este centro de estudos no mundo cunha oferta atractiva para docentes, estudantes e profesionais da escea.

A calidade como obsesión

O ano académico 2007-2008 será decisivo . O reto de Bolonia establece parámetros de excelencia académica para os estudos universitarios en Europa, e a ESAD non está disposta a perder o tren, porque a calidade é case unha obsesión no equipo directivo. É só unha das tarefas en marcha, entre as que se atopa a dotación de máis especialidades, como Escenografía e Dramaturxia. Hai que empezar a pensar no proxecto de fin de carreira que todos deben elaborar e realizar e cómpre buscar orzamento para materializar eses plans.

Solución a menor prazo terán os seus problemas de espazo. A ESAD comparte edificio co IES Audiovisual de Bouzas, pero o vindeiro luns os alumnos poderán coñecer os planos da futura escola que se vai construír na parroquia de Navia. Váillelos amosar a conselleira de Educación. A primeira fase, un aulario, conta cun orzamento de 6 millóns de euros.

A ESAD de Vigo é un dos oito centros oficiais de ensino de arte dramática existentes no Estado. O profesor de linguaxe escénica Afonso Becerra, formado en Barcelona, refírese á escola como un "proxecto fermosísimo que ten que consolidar especialidades e profesorado, aínda en réxime de interinidade". Becerra confía en que "este dereito que nos faltaba sirva para que o teatro en Galicia deixe de ser algo excepcional, un miragre que só sobrevive a golpe de subvencións".

En Vigo existen outras posibilidades de recibir ensinanzas orientadas cara á iniciación, por unha banda, e a especialización por outra, nas artes escénicas. Na Escola Municipal de Teatro, hai seminarios de técnicas teatrais, para nenos e adultos. No Teatro Arte Livre, o actor e empresario teatral Roberto Cordovani organiza un curso de formación de dez meses de duración. Os participantes teñen ó seu dispor as instalacións da sala ó completo para ensaiar a construción da personaxe, improvisación, caracterización, poñer a punto a súa forma física, modular a voz con clases de articulación e oratoria, estudar textos dramáticos ata aprender nocións de produción, escenografía, iluminación e montaxe.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 21 de septiembre de 2007

Más información