Víctor Freixanes e Alberto Meixide, responsable do Centro de Investigación Económica e Financieira de Caixa Galicia, codirixen o estudio patrocinado por esa institución sobre a realidade civil da produción, organización e distribución das empresas culturais en Galiza. O informe, que enxergará 17 análises sectoriais, será presentado a finais de decembro.
O estudio quere ser "unha primeira cartografía sobre a realidade cultural galega, algo que defina a situación transicional entre os modelos tradicionais de produción cultural e os que van impoñendo as novas tecnoloxías". En que medida o tecido cultural galego é quen de adaptarse á realidade do mercado global e ás novas formas de competencia? Cales son os recursos dunha identidade galega á espera de trazo e consenso político? O informe aspira a determinar as bases para unha reflexión, aínda que algúns dos sectores cardinais da futura industria cultural galega estean pendentes de censo. Do esmorecemento do modelo televisivo tradicional dá proba a distancia entre oferta e regulación xurídica. "Só en Televisión Dixital Terrestre (TDT) hai en Galiza entre 80 e 100 licenzas posibles, sobre as 1.500 de España", resume o director de Galaxia.
A chave do estudo, ademais da necesidade de balanzos, é a dimensión económica obxectiva "traducida nun intanxible simbólico que é a identidade", hoxe "enfrontada aos dilemas do novo século". Dos problemas asociativos e gremiais no ámbito público e privado dedúcense algunhas razóns da fragmentación, con "40 empresas editoriais e case 300 produtoras audiovisuais". "Se Manuel Rivas non ten axentes literarios aquí lánzao Alfaguara", exemplifica. "Non poderemos transcender se non dispoñemos de promoción para difundir o noso". A futura Agadic representa para Freixanes "unha oportunidade de organizar as canles de difusión, falar cos sectores e detectar activos".
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 28 de septiembre de 2007