Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
BOTELLA AO MAR | LUCES

Bach, arcanxos e anxos

SEN BACH NON, nin sen Vivaldi, Mozart, Mahler, Gaos, Beethoven, As Cantigas, Bartók, Wagner, Bal y Gay, Verdi, Monteverdi... Sen traducir a música culta ao galego, sen dialogar con ela non seremos cultura verdadeira.

PRECISAMOS UNHA RADIO CLÁSICA galega, ter os medios para existirmos como un espazo propio normalizado.

CULTURA PARA TODOS: A creación cultural para públicos amplos é precisa. Se só se quer satisfacer o gusto estabelecido, daquela non será unha cultura democrática. Por máis que se xustifique con enquisas e socioloxía.

AS MINORÍAS SON OS FERMENTOS que desencadean procesos. Sen minorías somos masa sen leudar, somos masa amorfa que non pode transformarse, evolucionar. Temos que facer tamén cultura que só interesa a minorías.

E QUEN LLE PON LÍMITE AO GOSTO DA XENTE? Quen decide a quen lle pode interesar escoitar ou interpretar a Bach ou Mozart? Ou ver e ouvir a Shakespeare (aí andan nos nosos teatros na mesma tempada un Macbeth e mais unha Noite de Reis).

Antes eran os poderosos os que prohibían acceder ao coñecemento ás clases dominadas.

HOXE SON OS MECANISMOS OCULTOS DO MERCADO. O mercado ofrécenos en fascículos no quiosco a bo prezo toda a alta cultura, está ben, mais precisa da moda, precisa que compremos incensantemente a nova moda de cada tempada.

PRECISA QUE NADA DURE, QUE NADA MEREZA DURAR. E cada ano será primavera en El Corte Inglés, este e mais o vindeiro, e o outro, e o outro. Vivir será máis duro cada ano. Os que nazan hoxe serán máis espremedos que os que naceron hai un ano.

E 50 ANOS SEMPRE SON UNHA VIDA, quen alí chegue xa morreu e, se cadra, sobreviviu. Cada cincuenta anos o mundo destrúese e renace. Atrás fica todo, ilusións, escombros. En adiante resta a usura de vivir os días.

NESE PASADO ESTÁN TAMÉN AQUELES CINCO FUSILADOS na madrugada: Baena, Sainz, Bravo, Txiki e Otaegui. Foi polo San Miguel, Arcanxo guerreiro, hai 25 anos.

ALÁ VAI O MARCEL MARCEAU, un anxo triste dun século triste.

FOISE XUNTA O BECKETT E O GIACOMETTI, tres anxos silenciosos do século que se foi. O noso pasado.

TRES CAMIÑOS PARALELOS. Recibirían a visita da mesma musa? Daquela tivo que ser a musa da historia, a máis terríbel.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 5 de octubre de 2007