Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
LUCES

O verso en acción de Rompente

O colectivo vigués rachou co xeito convencional de concibir o xénero

Antón Reixa confésase: "A parte das performances en Rompente era o máis entrañábel, sobre todo porque nin sabiamos que se chamaban así". Outro dos tres tristes tigres, Manuel Romón, lembra que a teima do grupo era "tirar a poesía dos libros e levala á rúa, aos bares". "As institucións non prevalecían no campo literario, como aconteceu logo de 1986", afirma. As estratexias desenvolvidas ao respecto polo Grupo de Comunicación Poética Rompente, formado por Reixa, Romón e Alberto Avendaño no Vigo da segunda metade dos anos 70, abrangueron do súper8 ao megáfono, da música contemporánea á pintura, do pasquín ao manifesto, e responderon a títulos tan suxestivos como A tristeSa de Ezza, Moisés e a mona ou A dama que fala.

"Cando sacamos Fóra as vosas sucias mans de Manuel-Antonio", rememora Romón, na actualidade presentador de Libro aberto na TVG, "iamos cun megáfono pola rúa". O manifesto coincidía co Día das Letras Galegas dedicado ao autor de De catro a catro e declaraba: "Dubidamos que este segundo enterro de Manuel-Antonio, que as visitas do Rei, que as consellerías de cultura sirvan para algo máis que para neutralizar definitivamente o que curto prazo semellan facer progresar". Reixa relata outra acción do grupo no parque de Castrelos. "Nun escenario decorado polos pintores Antón Patiño e Menchu Lamas puxemos cubetas de váter e Abreu, un amigo, tocaba o acordeón; poesía en acción, en definitiva".

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 12 de octubre de 2007

Más información

  • Nunha paisaxe literaria como a galega de 1978, a proposta de Rompente escintilaba. Entre as cinzas da poesía social realista e os agromos venecianistas que malinterpretaban Con pólvora e magnolias, a causa Rompente atopaba terra fértil. "O noso público pasábao ben e produciamos un ambiente hilarante que, por outra banda, non nos amolaba en absoluto", oufánase Reixa. Manuel Romón coincide, pero rescata a un Carlos Oroza, o poeta de En el norte hay un mar que es más alto que el cielo, que se ergue no público dunha performance no vello teatro García Barbón ao berro de: "Iso xa o fixen eu antes e mellor". O poeta Xavier Cordal, que prologou a única reedición dos textos de Rompente dispoñíbel na actualidade, Upalás, fala de "os míticos recitais" do grupo. "Non se gravou ningunha das accións de Rompente", dóese. Mais Cordal, que anos logo faría parte dunha dos colectivos que con máis rigor herdaron o espírito Rompente, Ronseltz, relativiza o aceno performático de Reixa, Romón e Avendaño. "Aquí todo chegou tarde. Cando en Europa estaban noutros asuntos, nós tivemos que vivir 30 anos a toda pastilla". "Non había casualidade no que faciamos", opina Reixa, "detrás tiñamos, malia á diarrea mental, un aparato teórico importante. Eramos militantes políticos e criamos na vangarda; Maiakovsky era o noso exemplo". En palabras de Antón Reixa, Rompente rematou, en setembro de 1983, porque "a literatura pasaba do reivindicativo aos xogos florais". "Descubrimos que a sociedade literaria resultaba, sobre todo, moi aburrida", di o director de Hotel Tívoli. Segundo Manuel Romón, que vén de publicar Poesía barata e preséntao acompañado musicalmente de Julián Hernández, "non houbo divorcio nin traumas; foi o resultado do proceso vital".