A dualidade na que se move o mundo do libro, entre a industria e a cultura, atopa a súa materialización no panorama das feiras internacionais. Mentres determinados certames se centran nos escritores, noutros son os editores e os empresarios os que mandan e ordenan. O encontro de Francfort, inaugurado o pasado día 10 e ao que asisten 13 editoriais galegas nun stand da Consellería de Cultura, pertencen ao vector industrial. Trátase, en palabras do director xeral de Creación e Difusión Cultural Luís Bará, "da feira da industria literaria máis importante do mundo, de maior calado comercial".
"Nós imos a Francfort con dous obxectivos, o do negocio e o cultural", afirma Bará. O responsábel cultural da Xunta explica que, no aspecto económico da feira, destaca "a presentación da web readgalicia.com". A partir dunha idea da escritora e tradutora María Reimóndez, Cultura creou un catálogo virtual de venda de dereitos de obras galegas. "Unha ferramenta para dar a coñecer a nosa literatura", sinala Bará. Reimóndez fala de readgalicia.com, que se presenta hoxe no encontro alemán, como dun "escaparate da produción literaria galega". "Estudei as estratexias de difusión doutras culturas e a posibilidade de aplicalas ás galegas". "Anacos de 170 obras con versión orixinal e inglesa, escollidas polos propios editores en función da potencial comercialidade, póñense a disposición doutros editores", explica Reimóndez, que ademais se encargou da tradución dos textos xunta Ian Kennedy, lector canadiano de inglés en Galicia.
O director xeral Luís Bará tamén se refire a unha xuntanza que, abeirada polo plano Fomento das Exportacións Galegas, manterán as empresas de artes gráficas galegas con outras corporacións do sector do mundo. "Nunha feira destas características non é doado ter visibilidade e por iso o apoio institucional ás empresas", conclúe.
Antoloxía en alemán
Unha antoloxía de poetas galegos, entre Rosalía de Castro e María Reimóndez, verquida ao alemán, conforma a actividade de xínea máis cultural da representación galega en Francfort. Un recital no recinto feiral e outro nunha libraría da cidade abrirán a poesía galega, cotraducida por Marga Romero, aos lectores alemáns.
María Reimóndez, que agarda a saída da súa novela O club da calceta en italiano e en castelán, ademais dun filme baseado na mesma, fala das "oportunidades da feira". "Podes ver case todo o que se publica no mundo e mesmo tradución en directo, o que me interesa moito", di. Reimóndez párase na "proximidade da cultura catalá [cultura convidada do certame] e a galega" e as "facilidades que iso ofrece" para a delegación galega formada por goberno, editores e escritores.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 12 de octubre de 2007