Ignacio Castro (Santiago, 1959) di que escribiu Votos de riqueza. La multitud del consumo y el silencio de la existencia (Mínimo Tránsito) coa intención de "crear angustia". "Se os integristas foramos nós, como sería o mal?", pregúntase. "Hai unha intolerancia cara á sombra da singularidade que deu en dogma. É como se os violadores ou os asasinos en serie executasen un mandato implícito".
Provocador no político e duro de contidos filosóficos, o libro analiza a "santa alianza" entre cultura e violencia a través do consumo, unha orde relixiosa onde pensamento e arte mimetizan a corrupción dun sistema "que promete o illamento da vida con respecto á morte". Unha lembranza, por unha banda, de que a planificada morte de Deus esixía unha resurrección do humano: "Todo o rexeitado como mortal volve como letal, é psicanálise, por iso cómpre aprender outra vez a tragar a morte, eixo da existencia, igual que hai 8.000 anos". Noutro sentido, lémbranos que calquera rebelión, ao primeiro, é ascesis. "Dime como te paras e direiche quen es", escribe, citando ao Houellebecq ensaísta.
"A morte é o eixo da existencia, e hai que tragala igual que hai 8.000 anos"
Por ese camiño clásico, marcadamente nietzscheán, Castro analiza cun estilo brillante -no ronsel de Baudrillard- os paradoxos da democracia en Occidente. Por entre as liñas de forza de Derrida, Agamben ou Badiou, contra o filisteísmo da filosofía que marxinou o sentido da existencia, Castro quixo "recuperar a filosofía na crise das cousas". A marxinación dos fumadores, a produción de medo, a eterna xuventude, a mansedume do ecoloxismo medio, a publicidade, a comunicación ou o pánico ao contacto real que subxace na hipersexualidade de consumo son algúns dos fíos que destece. "Pode parecer reaccionario", avisa. "Kantián, paleocristián ou criptomarxista. É a vantaxe de que o tempo estea baleiro".
Fala Castro de como a vella alienación domina o ocio, nun malestar interactivo onde o consumidor "cala" a medida que se deixa homologar pola publicidade. Nese "sistema metafísico de marcaxe", conta, "superamos o nazismo converténdonos en xudeus marcados. O odio ao tempo marcado callou na clonación dun mundo artificial e regulado".
No presente desta "xenealoxía do consumo", o mesmo sistema recrea nunha fluidez interesada categorías clave como separación ou singularidade. "O actual modo do capital prégase aos perfís da propia existencia, dividindo ao individuo. Todo o mundo se engancha a unha identidade social recoñecible, cada vez máis plural, e ignora a existencia, que xamáis está no eido da identidade". Nesta tesitura, a Castro parécelle normal "que as propostas intelectuais e artísticas perdan a herba debaixo dos pés. A vida mesma carece de alimento na súa potencia mortal".
O papel da tecnoloxía na fraxilización das relacións sociais e a análise do "machismo do sexo neutro, desarraigado da patoloxía do xénero" capitalizan algúns relatos centrais. "Toda a sexualidade que se vende é impotencia emocional", di Castro, autor tamén de Crítica de la razón sexual. "A hipersexualidade, logo o transexual, é o resultado do imperativo de fluidez capitalista levado ao plano íntimo". O espectáculo da identidade como desastre político, nunha chiscadela ao Pasolini inventor do gueto gai.
Este "illamento do sexo como guía de coñecemento" correspóndese co illamento da comunicación. "O que permite a comunicación é a sombra, e engancharnos por fóra a tecnoloxías que non queren saber dela significa perder a posibilidade radical de comunicación". "É no atraso da existencia singular onde está a universalidade", afirma. Por exemplo, di, "na violencia sincera que un transmite por teléfono ás tres da mañá". Neste sentido, Votos... ten unha boa relación coa violencia existencial básica. Alí paira a súa eséxese da poesía como ciencia primeira. "É case unha proposta por afrontar a violencia irreparable que hai en nós. Aforraríanos ver moitos filmes de 15 mortos por minuto".
Malia querer facer un libro "terrible", tamén hai propostas positivas: "Pensar a singularidade doutras culturas e a que latexa nas minorías heréticas da nosa. E iso é pensar no sentido da existencia humana desconectada do social e do técnico. A nivel político, necesitamos que as outras culturas non cedan, resistan e se armen contra nós, en todos os sentidos". Na súa aposta polos exteriores, Castro considera que a revolución "só virá da man dos bárbaros, sexan islámicos ou eslavos". Nesta crise da euforia posmoderna que descobre o problema cultural, "non hai que guindar a televisión pola ventá, senón usar Occidente doutro xeito". "Non é que non saibamos nada de Rusia ou Marrocos, é que non sabemos nada de Baudrillard".
Castro, profesor de Ontoloxía na Universidade Europea de Madrid, escribiu en galego Alén da fenda (Espiral Maior, 1994) e Roxe de sebes (Noitarenga, 2001).
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 28 de marzo de 2008