Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:Luces

Autor ignorado de orixe antiga

Publícase a primeira das 12 novelas inéditas de Antón Risco, o fillo de Vicente

Na trama entrecrúzanse as Brigadas Vermellas, o xornalismo europeo, ETA militar, unha escura organización internacional de tráfico de información ou vellos oficiais nazis coa identidade cambiada e ocultos en América Latina. Obxectos antigos de orixe ignorada titúlase, con ecos de J.G. Ballard, o duodécimo libro, acabado de saír, de Antón Risco: unha deconstrución da novela de espías que se afasta da linealidade narrativa e funciona a través de materiais escritos diversos. O escritor, morto en febreiro de 1998, deixou unha ducia de novelas inéditas, case todas en galego, que a fundación que leva o nome do seu proxenitor Vicente se comprometeu a editar.

"Antón dicía que desenvolvía a realidade com o se fose fantasía"

Antes de percorrer mundo, traballara "abafado" nunha oficina en Ourense

Con Todorov e Bessière, Risco é un clásico da teoría da literatura fantástica

"Respecto da narrativa, dicía sempre que o seu pai trataba a fantasía como se fose realidade", escribe o escritor e xornalista Arturo Lezcano no limiar da edición de Galaxia de Obxectos antigos..., "mentres que el desenvolvía a realidade como se fose fantasía". Lezcano foi un dos elos máis intensos que Antón Risco mantivo co país onde nacera, no Allariz de 1926, e do que axiña se ausentou, primeiro na Francia e logo en Norteamérica. "Antón conseguiu chegar a Toulouse no ano 60 ou 61", lembra, "e alí coñeceu á que sería a súa muller, Annie. De Francia a Eugene (Oregón)". O periplo de Antón Risco detívose durante 30 anos como profesor de literatura española, e logo catedrático, na Universidade Laval, no Quebec. Pero antes de percorrer mundo, Risco traballara, segundo Lezcano, "abafado nunha oficina de Ourense, até que aprendeu a conducir e liscou".

Na paisaxe quebequesa agromou a escrita de Antón Risco. "El presumía de escribir moito", continúa divertido o relato o prologuista de Obxectos antigos de orixe ignorada, "pero eu sempre lle dicía que iso era porque vivía no Quebec, con eses invernos de noites longas, ás veces con temperaturas de 30 graos baixo cero". Risco estreouse en libro a comezos dos 60 con La isla, unha novela que, como antes La puerta de paja de seu pai, atinxiu a final do premio Nadal. Tardarían máis de 25 anos os contos de Memorias dun emigrante (1987), o primeiro dos once volumes en galego publicados por Antón Risco en vida.

Malia á que o sistema de galardóns do campo literario galego recoñeceu a obra de Risco -premio da Crítica Española en 1988, da Crítica Galega en 1990 ou o Torrente Ballester en 1997-, a pegada do escritor semella feble. "O tipo de literatura que facía", opina Lezcano, "contribuíu a que non estea considerado como autor. Antón sempre rachaba as vestiduras porque, en España en xeral, non se admitía a novela de ideas, algo normal en Europa". Para o autor de O embrión, premio póstumo Cidade de Ferrol, na literatura española dominaba "o provincianismo, o costumismo", segundo conta Lezcano.

Antón Risco pertencía, por idade, a unha quinta anterior á da Nova Narrativa Galega, aquela que integraron Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, Carlos Casares ou os dous libros de Gonzalo Mourullo. Mais sempre atento ás correntes anovadoras nas literaturas europeas, coincidiu con eles no interese polo denominado obxectalismo, a nouveau roman que capitaneou Alain Robbe-Grillet ou Nathalie Sarraute, unha pegada aínda detectábel en Obxectos antigos de orixe ignorada. "Interesábanlle as vangardas, Robert Musil ou Yukio Mishima, hoxe só lembrado polo seu suicidio modalidade harakiri", conta Lezcano, que rememora a amizade, procedente da infancia, con José Ángel Valente, "o seu máis íntimo amigo", ou o pintor Virxilio.

A profesora Olivia Rodríguez González, experta en Vicente Risco, mantivo correspondecia con Antón, de quen coñece polo miúdo a obra ensaística. "Os traballos de Antón sobre o pai", explica, "reúnen ao investigador e ao fillo; é o autor do único libro que existe sobre a obra fantástica de Vicente Risco [La obra narrativa de Vicente Risco, 1977]". "Antón dicíame que non se debía empregar a palabra ultraconservador para cualificar ao seu pai", segue, "e defendíao como liberal e aberto". Segundo Arturo Lezcano, "non debía resultar doado ser fillo de Vicente Risco". Olivia Rodríguez afirma que, entre as razóns de Antón para marchar da Península, figuraba a ditadura franquista, a mesma á que don Vicente, o deus sentado no sillón azul de Casares, se pregara após a Guerra Civil.

Rodríguez González remata cunha reivindicación das teorías de Antón Risco sobre literatura fantástica: "Partía de Julius Greimas ou de Tzvetan Todorov e das teorías da recepción; como o lector non é estábel e muda, o concepto do fantástico tamén muda". A profesora equipara o prestixio de Risco co de Todorov ou Irène Bessière, "os clásicos da teoría sobre literatura fantástica". "Recoller os seus traballos sobre literatura fantástica galega nun volume sería unha boa inciativa editorial".

Entrementres, as doce novelas inéditas, "case todas fantásticas, aínda que hai de todo", en palabras de Lezcano, agardan turno de edición. "Aínda hoxe me parece unha cousa asombrosa", di.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 4 de abril de 2008