Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
NOTAS A RODAPÉ | Luces

Vinte pesos para o galego na escola

"Mudan os tempos, mudan as vontades", reza o verso dun clásico das nosas letras, Luís de Camoens. "Mudan os tempos, mudan os falares", poderiamos retrucarlle nós. Para calquera galego-falante do meu tempo o significado da expresión vinte pesos é transparente, pero para os menores de 30 anos resultará enigmática. Comprobeino trasantonte, mentres falaba cun vello amigo, un daqueles mestres pioneiros do ensino en galego, actualmente escritor de merecido suceso. Cando un dos dous falou de argallar unha campaña de vinte pesos polo ensino en galego, decatámonos de que as mozas que presenciaban a conversa aceneaban unha para a outra, mostrando a súa estrañeza (tratarase dun procedemento de cómputo sumerio?). Os vellos de hai dez anos eran quen a calcular cantidades tan sofisticadas como vinteoito pesos. No breve lapso dunha xeración, euro mediante, ninguén sabe descifrala. Algún de vostedes lle bota a conta?

"A Xunta aínda está a tempo de mellorar a nota, pero ten que facer os deberes"

O GALEGO NO ENSINO, DE ONTE A HOXE

Vindo ao rego, do que quería falar era daquela idea dos vinte pesos polo galego no ensino. O precedente histórico atópase na campaña un peso para o teatro galego, que promoveran un feixe de estudantes a comezos da década dos 60. En tempos escuros de represión contra a cultura galega (se queren rememorar, están a tempo de ver a magnífica exposición sobre o maio compostelán do 68 no Pazo de Fonseca: remata hoxe), aquela mobilización, que constitúe un pequeno pero fermoso fito na historia do noso idioma, actuou como un revulsivo nos ambientes universitarios.

Pero, hoxe en día, co que leva chovido, despois de 30 anos de democracia, case tantos de autonomía, cun goberno progresista na Xunta, a conto de que vén falar dunha campaña popular polo ensino en galego? Non se estuda a lingua galega nos centros educativos? Non existe unha Consellaría de Educación que aproba acaba de aprobar un decreto que establece que ao menos a metade da docencia debe darse en galego?

Si -explicábame aquel meu amigo-, pero nos centros, o profesorado, os pais e nais, o estudantado, toda a comunidade educativa está a botar en falta un compromiso real das autoridades para facer realidade o decreto, traducido en medidas concretas: formación dos docentes, elaboración de material didáctico, difusión de información. Medra a sensación de que estamos a caer en vellos vicios, que teñen arrastrado cara ao desalento aos sectores máis comprometidos. O Goberno non pode finxir que cre que abonda con publicar un decreto no Diario Oficial de Galicia (os papeis, xa se sabe, terman do que lles poñen) e despois esquecerse do asunto, ao tempo que inviste substanciosos recursos en propaganda con finalidades inescrutables ou francamente irrelevantes.

VAI SUSPENDER A XUNTA EN GALEGO?

O meu colega, sempre tan positivo, propuña pasar á acción. Falaba de artellar unha campaña cívica reclamando que se cumpran as previsións legais, e recadando fondos (de aí o dos vinte pesos) para tentar paliar a inacción gobernamental. Por exemplo, para elaborar material informativo sobre o traído e levado decreto, que explique as razóns que aconsellan o incremento do uso do galego nas aulas, gravar un vídeo promocional ou organizar unha xeira de debates sobre o asunto. "Pero", retrucáballe eu, "ti pensas que fará falla iso?". "Pois, de seguiren así as cousas", respondíame, "non vai quedar outra". "E non se porán encarnados de vergoña os responsables?", repuña eu. "E poñerán..., ou se cadra non", concluía el, entre escéptico e dubitativo.

A pasividade da Xunta resulta especialmente preocupante porque, como cada vez que se insinúa un avance para a nosa lingua, desde a aprobación do decreto á reacción dos sectores recalcitrantes non se fixo agardar. Así, presentáronse recursos xudiciais contra a medida, por certo desestimados polos tribunais. Ítem máis, a finais do curso pasado espallouse polos institutos material propagandístico denigrando o profesorado que utiliza e ensina o galego, verdadeiramente impropio dun país civilizado. Nos últimos meses, e á calor dunha campaña con reberetes histéricos lanzada por medios de comunicación basicamente madrileños (coreados por algún outro de provincias), proliferaron actos contra o noso idioma, algúns deles arroupados por prominentes persoeiros do Partido Popular.

Pero unha cousa é a disidencia -respectable na medida en que sexa respectuosa- de determinados colectivos, que por suposto están no seu dereito a mobilizarse en defensa das súas ideas, ou a estratexia máis ou menos sensata da oposición política, e outra moi distinta é a responsabilidade de quen nos goberna. No seu día, nesta mesma sección aplaudimos con forza a iniciativa da Consellaría de Educación ao aprobar o decreto. Hoxe temos que advertir que se achega a fin de curso e ten pinta de que a Xunta de Galicia vai levar un sonoro suspenso en lingua galega... Aínda está a tempo de mellorar a nota, pero para iso ten que pórse a facer os deberes pendentes.

AS RAZÓNS DO ENSINO EN GALEGO

Cómpre lembrar que o noso ordenamento legal estabelece un obxectivo tan razoable como que "ao remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio (isto é, todos os niveis educativos non universitarios) o alumnando coñeza este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán" (artigo 14, 3 da Lei de Normalización Lingüística). Trátase de capacitar o conxunto da poboación no uso das dúas linguas, para situar estas e os seus falantes nun pé de igualdade real, o que ademais é un xeito de promover a cohesión da nosa sociedade. Calquera persoa que teña nocións elementares sobre o ensino en contextos bilingües sabe que o sistema educativo só pode conseguir unha capacitación equivalente nas dúas linguas primando nas aulas a socialmente máis desfavorecida.

Aplicado a Galicia: a maior presenza do galego permitirá que o alumnado castelán falante aprenda a usalo (non só pasivamente) sen perder un chisco de competencia no seu idioma, e sen mingua do seu rendemento educativo nin da súa autoestima, ao tempo que favorecerá que o alumnado galego falante mellore a súa competencia nas dúas linguas, o seu rendemento e mais a súa autoestima. Ademais, fomentará o desenvolvemento das destrezas lingüísticas de todos, incluíndo a capacidade para aprender terceiras e cuartas linguas (inglés, francés), cara ao obxectivo desexable dunha cidadanía políglota. Perder medo e gañar estima cara á lingua do veciño é o mellor camiño para aprender as que circulan polo mundo adiante. Isto é conclusión unánime dos expertos no asunto, extraída de múltiples experiencias en diversas partes do mundo. Que saibamos, contra isto non se presentan evidencias, senón prexuízos.

Seica a Churchill se atribúe unha frase pronunciada ao remate da Segunda Guerra mundial: "Quérolle tanto a Alemaña, que prefiro que haxa dúas". A ver se vai ser que hai quen lle quere tanto a Galicia que prefire que haxa dúas, a castelán falante e a galego falante, ignorándose (ou peor aínda, desprezándose) mutuamente. Dereitiños a iso nos conducen programas de secesión lingüística que circulan por aí nos últimos tempos. Habemos ter azo de voltar sobre o asunto.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 4 de abril de 2008