HAI 40 ANOS por estes días rebentaba maio entre nós. Florecía o antifascismo e Voces Ceibes, e Luis Cilía e José Afonso (Un quixera ser dese país tan lindo e particular imaxinado polo José Afonso)
AQUELES MOZOS E MOZAS que revolveron Santiago e alteraron a Galiza podre e barolenta daqueles anos sesenta coidaban que eran homes e mulleres, mais eran rapaces. E é que son case sempre os rapaces os que destupen as canles atoadas. Cando a historia estea parada e atoada, chamen aos rapaces.
'MAIO' é un nome para ese rebentar da vida. Sempre hai un Maio do 68 para as persoas, os pobos. Ás veces acontece cando xa un é vello e gasto. Mais sempre hai unha sacudida e un descubrimento, iso é alegría.
HAI 40 ANOS tamén Paco Ibáñez cantaba no Teatro de La Comedia en Madrid. Agora Paco pregúntame, "e que foi daquel Madrid?" (E eu que che sei, Paco. Tamén outros nos preguntamos o que ti).
A GUÍA DE BONO: O señor Bono é un nacionalista cañí, un personaxe como non hai dous, afortunadamente, e di que ten ten unha guía telefónica para bater con ela na cabeza dos nacionalistas. Seguro que o señor Bono non sabe que era un dos instrumentos que utilizaba nas torturas a Brigada Político Social para bater nos detidos sen deixar marcas. Seguro que non o sabe, se non pensaríao antes de dicilo.
MAIO DO 68 e todos os Maios fixéronse e hainos que facer contras os que golpean coas guías telefónicas.
HAI POLÍTICOS RIDÍCULOS: Eis o señor Sarkozy. Alá vai a grandeur toda, polo Sena abaixo. Tanto andar esticados os presidentes da Francia, tan dereitos e co bico engurrado co fuciño levantado, e agora vén este señor e nun momentiño ispe o altar da República dos sete veos e deixa ver que non había misterio ningún agachado: eran xentiña como a demais. Berlusconi era un disparate, semellaba razoábel na Italia. Agora Berlusconi, con máis cabelo, goberna tamén a Francia. Non somos nada (e menos aínda en traxe de baño).
CON TODO, o Berlusconi francés ten un puntiño de dramatismo. Hai nel unha ansiedade especial, poida que lle veña desa pinga de sangue xudea, desa ansiedade peculiar dos xudeus europeos.
BERLUSCONI, SARKOZY... Tan arxentinos tamén. Perón, Ménem, Kirchner..., todo ese exceso verbal e xestual. Será todo cousa napolitana.
A VER SE NON ARDE ARXENTINA, a ver se non volve a abandonarse ao seu abandono, se non volve cavar a súa cova. Arxentina non é un país, é un grande teatro.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 4 de abril de 2008