Este mércores presentouse na facultade de Filoloxía o número 31 da revista Dorna. Subtitulada Expresión poética galega, é practicamente a última representante dunha raza, a dicir da profesora Dolores Vilavedra, en extinción: as publicacións periódicas dedicadas á literatura. No campo literario apenas operan xa a lucense Xistral e a recuperada Os ólisbos. E, con todo, as voces críticas continúan a demandar a existencia dese espazo como lugar para a emerxencia de escritas alternativas, para o debate teórico ou mesmo para solidificar tendencias. "Na actualidade faltan canais non adscritos ao académico ou ao oficial", sinala o crítico Isaac Lourido, "que poidan dar voz a formas críticas, ás alternativas".
"As revistas deben comunicar entre si aos escritores", di Carlos Lema
Para Isaac Lourido, "faltan canais que dean espazo a voces alternativas"
Dorna naceu no ano 1981 e, xa dende o segundo número, vinculouse á Universidade de Santiago de Compostela. So a dirección do académico Ramón Lourenzo, os filólogos Lorena Souto, David Pérez e Mario Regueira, canda o profesor Xosé Manuel Salgado, asumiron os labores dun consello de redacción no que antes figuraran Henrique Monteagudo ou Luís González Tosar. "Nós queremos que a revista continúe a desenvolver o mesmo papel que até agora", corrobora Lorena Souto, "funcionar como plataforma para a xente que comeza a escribir, co valor que dá, ademais, ir acompañado de xente cunha traxectoria consolidada". Neste último Dorna, aparecen textos de Chus Pato, Anxo Angueira ou María do Cebreiro canda autoras inéditas en libro: Lía Santiso, Xoana Fernández Monterrei ou Ángela Tajes. "Queremos ofrecer un panorama do que emerxe", asegura Souto.
"Xistral trata de acoller sen exclusións a todos os poetas maduros ou noveis, consagrados ou descoñecidos, vinculados á provincia de Lugo". Así define o poeta Claudio Rodríguez Fer a revista Xistral, financiada polo Concello de Lugo, da que fai parte a través do consello de redacción. "Pero non pretendemos forzar ningunha identidade colectiva artificial", asegura, "senón levar adiante un importante medio para que se dean a coñecer autores inéditos ou de produción incipiente". A procedencia histórica da cabeceira, unha idea de Luís Pimentel materializada postumamente por Manuel María e Ángel Johan no Lugo da posguerra, reciclouse nunha iniciativa que non estabelece máis criterio que o xeográfico para recoller obra. Pero nin Dorna nin Xistral nin a Nova Ólisbos cumpren aquilo que o editor Carlos Lema procura nunha revista literaria. "É importante que existan as revistas pero, antes que para dar a coñecer novas propostas, deberían comunicar entre si os membros dun campo literario, contribuír a solidificar tendencias", di.
Lema acóllese ás teses de Pierre Bourdieu sobre socioloxía da literatura: "As publicacións terían que funcionar como voceiros de sectores para que aumente a dinámica do campo literario, o intercambio de reflexións". Carlos Lema, que en poucos meses publicará o seu primeiro libro de poemas, O xeito de Freud, reclama atención para dous proxectos en activo, Amastra-n-gallar e a Revista das Letras, que sae semanalmente co xornal Galicia Hoxe. Detrás de Amastra-n-gallar atópase a man de Emilio Araúxo, quen factura o máis semellante a unha "revista de tendencia" das operativas na literatura galega, pero centrada na poesía de raizame mallarmiá e con colaboradores en toda Europa. "A Revista das Letras si que pode servir máis como detector de novas voces", afirma Lema.
O crítico Isaac Lourido dexerga a posición das revistas literarias dunha perspectiva pouco compracente. "O académico e o oficial dan en confundirse no sistema", apunta, "no que parece que hai que se situar a prol dun suposto proceso de normalización plano, sen arestas, que desemboca na celebración permanente e que se dedica a agochar a súa propia precariedade". Para Lourido, as revistas "poderían evitar" certas inercias e asumir "os outros discursos sociais, non só os artísticos, senón tamén políticos". "Cómpre non caer na mistificación da literatura, abandonar a idea simplista da literatura como máxima expresión da cultura galega e, por extensión, de toda Galicia", asegura.
"Interesáronme moito, en tempos, O mono da tinta [que dirixía o arestora profesor universitario Carlos Quiroga] ou Animal, pero no mundo das revistas, o dixital rematará por imporse. Estamos nese intre, no canto do cisne". Esta visión de fin de ciclo pertence á profesora e crítica Dolores Vilavedra, quen, malia a todo, recoñece a utilidade do medio periódico. "Trátase dun soporte menos canónico que o libro, unha correa de transmisión entre o novo e o gran público", considera. "No ideal, as revistas estarían condenadas a unha certa precariedade, inherente ás marxes do sistema literario e cultural, pero case desexábel, dalgún xeito. Un vencello máis formal coa institución pode aniquilar o seu espírito alternativo".
A cuestión ciberespacial, porén, é desmitificada por Lourido. "Internet non resulta bo por si mesmo", argumenta, antes de se remitir ao teórico da Rede holandés Geert Lovink. "Lovink denuncia o impulso nihilista dos blogs, o seu egocentrismo, as comunidades pechadas e escaseza de acción colectiva", e engade ao seu escepticismo unha apreciación sobre o país: "O índice de penetración electrónica en Galiza aínda é baixo, existe un atraso tecnolóxico que, parece, non rematamos de asumir". Carlos Lema opina que o formato blog non favorece a comunicación colectiva, apenas a individual. Do consello de redacción de Dorna, Lorena Souto admite que "hai experiencias electrónicas que non se poderán adaptar a Internet. Mais o papel non vai desaparecer, segue a ser o punto de referencia".
Alén da literatura
"A poesía tamén debe estar presente nas revistas non estritamente literarias", considera Rodríguez Fer, quen promove, nesa dirección, Unión Libre. Cadernos de vida e culturas.
Fernando Vilaboa dirixe, dende 2005, O ollo público. "A nosa intención é convidar a que a xente lea, que vaia ao cinema e ao teatro", afirma. Fotografía, pintura, tradución literaria e achegas literarias de Manuel Veiga ou Marga Romero encheron as páxinas dos 22 números da publicación. "Hai que comezar a casa por abaixo, e non polo tellado: crear unha base para que poida haber unha industria cultural".
A sección de creación de Grial ou A Trabe de Ouro son espazos para a literatura en iniciativas que exceden o carácter restrito. O Boletín Galego de Literatura, da facultade de Filoloxía compostelá, ou Agália abren lugar, no medio de ensaio e a investigación, para poemas ou prosas breves inéditas. Na Revista Galega de Teatro tamén acollen pequenas pezas dramáticas e publican caderniños.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 18 de abril de 2008