Entro nunha librería e podo escoller entre a edición en castelán ou en galego de Fin de século en Palestina de Miguel Anxo Murado. Escollo a edición galega. Chego á casa, abro o libro e leo sen parar as cen primeiras páxinas. Teño unha sensación de confort literario e lingüístico. Confort literario porque o libro é como se pasases cinco anos en Palestina con Murado, e esa é a maior e mellor esixencia que lle podes pedir a un libro que está entre a literatura de viaxes, o xornalismo, o ensaio e o memorialismo. Confort lingüístico porque o podo disfrutar na miña lingua habitual.
Lendo o libro, un achégase pola vía da intelixencia e a conciencia emocionais ao cerne dun conflito que se prolonga xa demasiado no tempo e cada vez é máis compexo. O autor adopta un punto de vista innegablemente propalestino, a favor da racionalidade e en contra de todo fundamentalismo sionista ou musulmán. Realmente transmite o coñecemento e a convición de que esa parte do mundo está avariada e o paso do tempo colabora a que se borre progresivamente a pegada e a esperanza da liberdade.
Posiblemente Murado non concorde con que eu califique a súa obra de xornalismo literario, pero é que ten o mellor do xornalismo, a experiencia vivida e pescudada, e da literatura, a claridade e a beleza eficaz da expresión. Boto de menos no noso ámbito que non se frecuente máis este xénero. Fai falta humildade e calidade. Só os moi bos escritores entre nós son quen de renunciar á orixinalidade da novela a favor deste tipo de libros que teñen que ver coa actualidade e coa universalidade. Como Murado, magnífico narrador, debo incluír nese censo limitado obras como Galicia, bonsai atlántico, de Manuel Rivas, unha das máis acertads reflexións sobre o país actual.
Sobran demasiados mundos malamente fabulados e demasiados realismos torpemente fantaseados. A normalidade cultural tamén ten que ver con este tipo de libros necesarios e suculentos. Xente intelixente falando de cousas de actualidade. Un ben escaso.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 25 de abril de 2008