Este Día das Letras Galegas volverá resucitar esa mesquiña polémica sobre se debe ser ou non día laborable. Aos que defenden que non sexa feriado non os move o deseo de instituír un Sant Jordi á galega para agasallarnos con libros ou flores senón a incomodidade e o autoodio que lles provoca todo o que teña que ver co galego.
Neste ano a invocación a Xosé María Alvarez Blázquez ten moito, amais de ser ben xusta, de pedagoxía histórica. Trátase dun intelectual polivalente e de acción, un erudito que investigou a poesía medieval e que tamén foi quen de facer unha intelixente mercadotecnia editorial. Para que iso o faga un erudito cómpre intelixencia e tamén moita humildade, porque grandeza e mercadotecnia hai nestes libros sinxelos que EL PAÍS está a reeditar. Entendo que Alvarez Blázquez trataba así de emular os tempos en que Aires d'a miña terra de Curros Enríquez e Cantares Gallegos de Rosalía foron verdadeiros supervendas e estaban en moitísimas casas galegas de finais do século XIX e principios do XX. Unamos a iso un atractivo deseño colorista (a min sempre me resultou pop) e temos unha exemplar acción de axitación cultural popular.
O relato co que meu avó Ramón impresionou máis a miña xerminal convición republicana falábame do ruído atroz dos disparos que escoitara desde o faiado no que se agachaba no Tui da Guerra Civil e que estaban fusilando ao pai de Alvarez Blázquez. Aquelas balas resoando na quietude da tarde á beira do Miño ben poderían ser a banda sonora simbólica da barbarie.
Pasaron os anos de exilio interior e o azar quixo situar o domicilio do meu avó en Vigo moi preto da librería Almoneda que xestionaba Alvárez Blazquez. Os libros d'O Moucho cos que me agasallaba meu avó cimentaron a miña conciencia civil galeguista. A edición de Retorno a Tagen Ata de Méndez Ferrín serviume para idenficar a modernidade no meu propio sistema literario. As cores dos libros d'O Moucho no escaparte da Almoneda configuraron, se cadra, o meu gusto estético polo contraste pop.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 9 de mayo de 2008