Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

Tres libros d'O Moucho

'Pedro Madruga', 'O tío Miseria' e 'Cantigas do viño'

A colección dos libriños d'O Moucho continúa esta semana cos volumes Pedro Madruga, O tío Miseria e Cantigas do viño. Reeditada polo xornal EL PAÍS e a editorial Galaxia, coa colaboración da Consellería de Cultura, a histórica serie d'O Moucho comparece nos quioscos ao prezo dun euro. O poeta e editor Xosé María Álvarez Blázquez, homenaxeado no pasado Días das Letras, impulsou o proxecto a finais da década dos 60 dende Edicións Castrelos.

Pedro Madruga, editado n'O Moucho por primeira vez en 1969, data de 1530. Vasco de Aponte, "criado fiel da casa de Andrade", segundo anota o prólogo, redactou o texto: "A pintura realista dun persoaxe brutal da historia galega, nun tempo no que todo era desaforado na terra [...]". Álvarez Blázquez, autor probábel do limiar, lembra que Aponte é autor do "nobiliario galego máis orixinal e autorizado aínda que só parcialmente conservado": Relación de algunas casas y linage del Reino de Galicia, publicado por Benito Vicetto en 1872. Pedro Madruga entrégase hoxe con xornal.

En 1968 apareceu a edición d'O Moucho d' O tío Miseria e outros contos, que chega aos quioscos o vindeiro luns 2 de xuño. Escritos por Enrique Labarte Pose, os relatos recollidos por Xosé María Álvarez Blázquez levan títulos como O segredo do tío Sanfona, A lingoa pequena e O rei que rabéou. Enrique Labarta Pose naceu en Zas en 1863 e morreu en Barcelona en 1925. "No panorama da literatura galega de fins do século, a figura de Enrique Labarta Pose destácase como a do máis felis cultivador do humorismo".

Para o mércores 3 de xuño, O Moucho sae coas Cantigas do viño. Seguidas de recitados, ensalmos i esconxuros. Publicouse en 1968 e ofrece o que promete o título: o labor de etnógrafo afeccionado de Álvarez Blázquez.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 30 de mayo de 2008