Da man da renacida Edicións Positivas aparece a versión en galego da poesía de Safo de Lesbos. Realizada polo poeta Raúl Gómez Pato, Cantos e fragmentos recolle toda a obra conservada da autora grega do século VII a.c. "A obra de Safo, pois, constitúe a fonte máis clara do sentimento erótico que unha muller pode inspirar a outra", escribe na Introdución Gómez Pato, "así como a naturalidade coa que dita experiencia se vivía na época arcaica".
De Safo de Lesbos, unha figura que "transita entre o mito e a realidade", apenas se conservan dous poemas completos.
Os restos, os anacos, os versos, as palabras que completan a edición -segue a edición de 1997 estabelecida por Antonio Aloni en Safo, Fragmenti- foron, segundo o tradutor, "determinantes na posterior concepción occidental desta potencia divina" [en referencia a Eros]. Gómez Pato exercera antes a tradución do latín coa edición en galego do bestiario medieval Libellus de natura animallum.
O creador da Enciclopedia Virtual da Fantasía Popular Galega Galicia Encantada, Antonio Reigosa, atópase detrás d' Os dous irmáns e outros contos populares do antigo Exipto, cinco relatos adaptados ao galego e na rúa da man de Edicións Morgante. Reigosa lembra o templo funerario Ramesseum, supostamente erixido polo faraón Ramsés II no século XIV a.c., que contaba cunha "farmacia da alma" ou biblioteca. "Ben podemos considerar que os contos [recompilados no libro] foron considerados no antigo Exipto como medicinas para a alma e para o espírito", relata no limiar.
A pequena edición de Antonio Reigosa inclúe epígrafes documentais nos que explica o proceso de conservación e transmisión dos cinco contos até a actualidade.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 20 de junio de 2008