Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
BOTELLA AO MAR | Luces

Homes, forenses e mulleres

- "RETRATAR AO HOME": Así di un fotógrafo do que pretende coas súas fotografías. Pretende retratar aos homes, mulleres, vellos, nenas..., aos seres humanos. É unha persoa sensíbel e, dun modo ou doutro, xenerosa, de seguro que á súa maneira respecta por igual a un home que a unha muller. Mais ese "home" tan grande tropezoume na orella, váiseme feminizando o ouvido. E ben.

- DESTINO DE HOME. Así e todo homes e mulleres teñen que acudir a oráculos distintos para coñecer o seu destino. Os homes, aínda que non queiran, están condenados a cotío a ver a súa mexada, pois fano de pé. Así poden ver que a vida é ir perdendo forza, de máis a menos. E non hai máis.

Cada un ten o seu oráculo, seguramente elas tamén o teñen.

- O MUNDO "RAY-BAN". Sorpréndome a facer viseira coa man para que non me moleste o sol naquela dirección. Hai tempo que non facía este xesto (un xesto apache). Esquecín os lentes para o sol na casa e por un momento volvín atrás, á infancia, cando o sol non castigaba tanto a nosa vista gasta. Volvín ao mundo no que non existía Ray-Ban.

- ESTE É O TEMPO DOS FORENSES: Abrimos tanatorios por todas partes, desaparece a morte completamente das nosas vidas, e resulta que se nos aparecen os forenses por todas partes. Son protagonistas indispensabeis na información, "adns" por aquí, cadáveres e restos por alá... E son as estrelas das series televisivas: en toda serie criminal hai un ou varios, varias, forenses.

- ESCRITORES E INTELECTUAIS, a xente que traballa coas palabras, coas linguas, sempre anda a trazar fronteiras. É o que teñen, a que se descoidan xa están a definir nacións, estados. Teñen algo de policía de fronteiras. Ou de policía político. De policía en xeral. (Aí andan eses vinte intelectuais oprimidos en Madrid, atacan ao galego, o eúscaro e o catalán que os ameaza. Cada un escolle os seus inimigos).

- OS MÚSICOS NON SON ASÍ. Os músicos son ambulantes e andan de aquí para aló e recoñécense entre eles alí onde estean, achéganse, xúntanse e tocan. Aínda que non comprendan uns as linguas dos outros enténdense.

Élles difícil a xenofobia, non se lles dá ben. (Eu quixera ser músico, e aquí estou forzado a levar esta gorra que non sei se é de garda civil ou de gardiña de alfándegas).

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 27 de junio de 2008