"Nunca penso no neno en xeral á hora de escribir, senón en nenas e nenos metidas nun contexto social". Para a dramaturga, narradora, contacontos e unha das tres socias da compañía Berrombambán Teatro Paula Carballeira (Fene, 1972) tamén importa "ese neno que toda a xente leva dentro, aínda que soe tópico". E a partir deses vimbios teceu o cesto de Boas noites, a obra que Berrobambán leva representando dende o pasado mes de novembro por escenarios de toda Galicia e que esta semana parou na Feira Galega das Artes Escénicas, en Santiago de Compostela. "A maneira dos cativos de entender o mundo é xogar", e así explica Carballeira as liñas de forza dun texto que mereceu, hai dous anos, o primeiro Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil.
"Cando comezamos, o teatro infantil non se consideraba teatro con todas as letras"
Cinco actores e tres músicos, incluída a propia Paula Carballeira, apontoan a proposta escénica de Boas noites. 31 funcións e case oito mil espectadores despois, o relato de Xiana e Pedro Chosco -parella protagonista- e a súa relación co xogo como xeito de estar na vida segue a encandear pequenos. "Os rapaces escóitana moi ben e séguena", oufánase Carballeira, "xogan connosco pero sen participar; non é un espectáculo participativo". Ao contrario que traballos anteriores de Berrobambán, como A cabana de Babaiagá, no que o respectábel infantil era incitado a entremeterse no discurso dramático, Boas noites funciona co reto de facer que 200 nenas e nenos manteñan a atención. "A representación é un campo de batalla, sobre todo nas funcións escolares nas que só están os nenos, sen familiares", relata, "mais está funcionando e malia a que se trata dunha obra longa". Os 75 minutos que dura Boas noites exceden as convencións do teatro infantil: "Sempre se di que as obras de máis dunha hora non funcionan cos pequenos, pero parece que non é certo".
"O contraste entre a noite e o día" é o alicerce visual sobre o que asenta a historia de Carballeira. "Pero o importante reside na noite, no onírico e no misterioso", continúa, ese "tempo precioso que Xiana [a actriz Anabel Gago] inviste en descubrir cousas novas", segundo a nota de prensa da compañía. Na ausencia de luz recibe a visita de Pedro Chosco, encarnado polo actor Chiqui Pereira, "un ser máxico que leva os soños aos nenos". Xiana bótase á rúa canda el na rolda nocturna e aí acontece a trama de Boas noites, coa música composta por Manolo Panforreteiro e interpretada en directo por Vadim Yukhnevich, Begoña Riobó e Pablo Pérez. Boas noites foi o primeiro espectáculo de teatro infantil nomeado aos Premios María Casares na categoría de mellor texto.
"Cando comezamos con Berrobambán [profesionais dende o ano 2000] o teatro infantil era considerado un subxénero", afirma Paula Carballeira, "non teatro con todas as letras. Nós quixemos que o teatro para nenos fose tamén para adultos". Carballeira non dubida en apuntar "un teatro infantil cada vez mellor" en Galicia. "A xente agora toma con igual seriedade o teatro infantil e o teatro para adultos", di. "Foi importante que o Centro Dramático Galego oferte teatro para nenos". A cabana de Babaiagá, montada por Berrobambán, fixo parte do cartel infantil da compañía pública en 2007.
Malia a que o grupo xa iniciou a produción da súa vindeira montaxe, Bicharada, a Boas noites, oitava obra de Berrombambán sobre os escenarios, quédalle vida por diante. Funcións na Casa da Cultura de Milladoiro, en Ames, o domingo 19 de outubro, o Ferrol, Ourense, Cangas ou de novo a capital galega, todas xa en decembro, acollerán representacións da aventura de Xiana e Pedro Chosco. Ao tempo, o libro que recolle o texto de Paula Carballeira, ilustrado por Noemí López e editado por Xerais, aparece agora acompañado dun deuvedé con guía interactiva, as cancións do espectáculo e un estudo "dos seres que dan medo" en Galicia a cargo de Antonio Reigosa.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 17 de octubre de 2008