Óscar Otero fai parte do estudio de deseño A navalla suíza. Encargáronse de poñer a punto o videoblog de Anxo Quintana e fedellan na posta a punto da web de Edicións Xerais. Pero Otero aínda defende o cartel a xeito clásico. "Agora só xogan coa foto do candidato, o lema e logo do partido", di, "pero un cartaz é algo máis que os seus elementos obxectivos; debe ter unha función emotiva ou comunicar ideas". Para o deseñador, "hoxe en día concentran todo na cara do político e, na maioría dos casos podes trocar un lema por outro".
Hai tempo que as campañas políticas viraron en competición mercadotécnica e trátase de vender unha persoa. "O cartel é para que non penses, para que non sintas nada, apenas un 'este é o teu candidato, vota". Óscar Otero non ten reparo en citar a Luís Seoane, Castelao ou o propio Camilo Díaz Baliño, "eran máis artistas e iso nótase", e non estende a indixencia na materia alén do Padornelo. "En Colombia ou en Irán, o cartel político funciona, pero non chega aquí", explica, "mesmo o famoso afiche de Obama, que non é máis que unha fotografía vectorizada e coloreada, é tal".
Ao cabo, cumpriuse aquel prognóstico do ensaísta Walter Benjamin, segundo o que a reprodutibilidade técnica retiraba a aura da obra de arte e abrogaba, con carácter progresista, conceptos como "creación e xenialidade, perennidade e misterio". E, arestora, entraron na factoría dixital. "Cando non había tecnoloxía utilizábanse outros recursos, os debuxos con intención retranqueira, e todo iso perdeuse".
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 20 de febrero de 2009