O pop de xínea clásica e raíz acústica dun dos últimos hypes procedentes dos Estados Unidos abre a programación en Santiago de Compostela do Festival Sinsal. Jeremy Jay exporá este domingo no Salón Teatro e a partir das dez da noite as cancións do seu álbum debut, A place where we could go [Un lugar onde poderiamos ir]. Na organización citan nomes do canon como François Hardy, Buddy Holly ou David Bowie para definir o ton clasicista do home descuberto por Calvin Johnson, o lendario cerebro da banda Beat Happening.
Na terceira edición da "extensión" compostelá de Sinsal, a agrupación cultural viguesa repite acordo co Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego. O 2 de abril serán os británicos Pram os que asomen na capital o seu pop para despois do pop, que os emparenta con bandas da familia de Mouse on Mars, Moonshake, Seefeel, Laika ou Stereolab. "Cruzan lounge con electrónica e pingas de jazz", di a nota da organización.
Xa o 14 de maio, unha sesión dobre achegará a Santiago aos italianos Larsen, "pop cinemático", e á "diva do cabaret post-punk" Little Annie. "Excéntrica e engaiolante narrativa", adxectivan en Sinsal para se referir á proposta estética de Annie Anxiety, mentres que, a pé feito de Larsen, falan de "delicada lixeireza musical, con ritmos e melodías luminosas".
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 20 de febrero de 2009