Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
NOTAS A RODAPÉ | Luces

Amodiño e boa letra

Nas nosas anteriores Notas, publicadas ao comezo da pasada campaña electoral, apuntamos unhas reflexións sobre o legado que nos deixaba a política lingüística do bipartito. Imos agora referirnos á posición dos distintos partidos cara ao inmediato futuro e, ao fío de todo isto, tirar algunha lección.

- A responsabilidade do PSdeG-PSOE

Ao partido socialista correspóndelle o groso da responsabilidade da política lingüística da finada Xunta. Resulta abraiante que voces autorizadas deste partido se desmarquen agora da súa acción do goberno nesta área, deixando na opinión pública a sensación de que foi o BNG o que levou a iniciativa. E logo a Secretaría Xeral de Política Lingüística non dependía directamente do presidente da Xunta? A súa titular non foi designada directamente por este, coa oposición do Bloque? A conselleira de Educación non era persoa de confianza de Touriño? A política lingüística da Xunta foi, pois, fundamentalmente do PSOE, e será este partido quen teña que defendela e explicala, se algún día ten a ben.

Ao partido socialista correspóndelle o groso da responsabilidade da política lingüística da finada Xunta

Subliñamos "se ten a ben" porque ata agora non o fixo, e se cadra unha boa parte da incomprensión de certos sectores da opinión deriva precisamente desta incapacidade dos socialistas para explicarse sobre o particular. Por caso, o célebre decreto do 50% na educación careceu da mínima cobertura do goberno e do partido: nin información nin explicación nin defensa pública. Unha parte importante dese erro debe achacarse ao propio presidente, quen despois de publicar o decreto trasacordou e decidiu deixalo ao pairo. O momento máis desconcertante da campaña electoral chegou cando Touriño asegurou enfaticamente que non estaba disposto a "pasar polo aro da imposición lingüística". Nese momento, o presidente da Xunta desautorizaba ao seu Goberno, e concedía ao Partido Popular o triunfo na loita por impoñer o seu marco e o seu discurso (léase G. Lakoff: Non penses nun elefante).

Primeira conclusión: se cres nunha cousa, dá as túas razóns para levala á práctica; se non, abstente de facela. De certo que a maioría do PSdeG cre na necesidade de promover o idioma galego, pero a súa dirección carece dunha reflexión demorada sobre o asunto e por tanto non é quen a explicalo a si mesmo nin ao seu electorado. O presidente estivo mal asesorado, e a peza clave do goberno neste asunto, a Secretaría Xeral de marras, non estivo á altura.

- O dilema do BNG

O dilema do BNG vén ilustrado polas reflexións que Anxo Quintana fixo chegar á Comisión Executiva da fronte, pero que esta piadosamente tivo a ben aforrar ao Consello Nacional. Na súa análise da derrota electoral, o dimisionario líder nacionalista propugnaba "aceptar con normalidade política o feito real dunha sociedade bilingüe", lembrando que o Bloque se apoia nun corpo electoral complexo, do cal concluía con toda lóxica que cómpre "encarreirar con cautela unha nova posición pública do BNG ante o proxecto de normalización lingüística". Isto, en liña coa reacción pública dunha manchea de responsables políticos nacionalistas, que ante o envite da campaña contra o galego manifestaron que esta viña "crear un conflito onde non existía". Algúns observadores deducimos disto (erroneamente?) que a dirixencia do BNG abandonara a antiga teoría do conflito lingüístico. É de desexar que a fronte nacionalista se atreva a facer un esforzo de renovación pensando máis no país que ten dediante, moi distinto ao de hai vintesete anos (toda unha xeración!), e menos nos seus equilibrios internos. A organización nacionalista só pode preservar o mellor do seu legado a troca de superar revellidas análises, estruturas e discursos. Anxo Quintana tentouno, con erros pero tamén con honra. É merecente dunha nova oportunidade, que algún día ha chegar.

Segunda conclusión: o BNG faría moi ben rachar de vez cunha resesa e inservible análise sobre a situación idiomática, e artellar unha reflexión actualizada sobre as posibilidades dunha política lingüística realista e eficaz. As consignas simplistas son moi doadas pero dilúense no ar, os pasiños prácticos ben pensados son moito máis difíciles pero moito máis útiles, e moito máis valentes. Como di o refrán portugués, "devagar chega-se longe" (sen esquecer o outro brasileiro que retruca: "o pior é se quando alí chegares, já não há ninguem").

- A incógnita e as opcións de Alberto Núñez Feijóo

Unha última e rápida referencia ao futuro inmediato. Alberto Núñez Feijóo emitiu un discurso sobre a lingua pensado para exercer a oposición, pero agora que vai gobernar terá que proceder a unha severa reconsideración. Tomadas ao pé da letra, unha serie de cousas que prometeu en campaña frisan a ilegalidade ou son impracticables. Dando por feito que non vai modificar a Lei de Normalización Lingüística, terá que respectar uns límites moi claros que esta sinala: a) os cativos teñen recoñecido o dereito á primeira escolarización na súa lingua materna; b) o alumnado non pode ser separado en aulas nin centros diferentes por razóns de lingua; c) ao remataren os ciclos de ensino obrigatorio, os e as estudantes deben ter unha competencia equiparable nos dous idiomas oficiais. Dentro dese marco, existen varias opcións, e podería adoptar un modelo flexible. O que non debera en ningún caso é tomar medidas que supoñan pasos atrás para o galego; por exemplo, esixir uns mínimos de horario en castelán.

Despois da salvaxe campaña mediática e política que nos bombardeou, os sectores máis conscientes da galegofonía temos que estar máis vixiantes e transixir menos ca nunca na defensa dos nosos dereitos. Pero, coidado, hai que conservar o tino e non pórse a disparar contra todo o que se mova, actitude esta que non leva a ningures. O novo Goberno galego faría moi ben en non tomar decisións precipitadas, que lle poden resultar moi caras a el mesmo, ao idioma noso e, o que é peor, ao país no seu conxunto. A alternativa está clara: ou a Xunta declara unha tregua e miramos de recompoñer entre todos a desfeita, ou estaremos ás portas dunha cruenta batalla campal. Oxalá que teñamos a oportunidade de conseguir o primeiro e evitar o segundo. Terceira e derradeira conclusión: en cuestións de política lingüística, é mellor escribir amodiño e con boa letra.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 27 de marzo de 2009