"Todos os paraísos foron liquidados, só queda desertar ao interior". Noutra formulación, podería ser a resposta de Heidegger ao xornalista marxista que, alá por 1930, lle esixía acción. Pero é un dos aforismos do colectivo Tiqqun; nove dos seus supostos membros -nomeadamente Julian Coupat- levan presos desde o 11 de novembro de 2008, por presunto sabotaxe da rede ferroviaria francesa.
É precisamente o impacto e a novidade da obra de Tiqqun (restauración da unidade de sentido e da vida, na linguaxe da Cábala) o que se debate desde o pasado 14 de marzo na Casa da Cultura de Corcubión, coa colaboración da Universidade Popular, a facultade e a Sociedade Galega de Filosofía. Non son moitas páxinas: o publicado desde 2000, amais de Cómo facer e outros textos esparexidos, son os breviarios Teoría del Bloom e Introducción a la guerra civil, dispoñibles en castelán en Melusina.
"A radicalidade de Agamben e Deleuze inténtana levar á política"
"Cando a violencia do poder se volve preventiva, xa non vale ter razón"
"Tiqqun xorde do cruce, das loitas estudiantís e radicais dos 90 sumadas ao intento de converter a radicalidade filosófica que vén de Deleuze e Agamben nun programa político", introduce o filósofo Ignacio Castro, que abriu as xornadas para falar do Bloom -o personaxe de Joyce sérvelles para encarnar ao "anónimo alienado" que acaba por transcenderse-. Castro, autor recente de Votos de riqueza. La multitud del consumo y el silencio de la existencia (Mínimo Tránsito), fala das coseduras dos Tiqqun, máis preto da tradición política das vangardas, de Guy Debord e dos situacionistas, que do marxismo ou a esquerda clásica. "Pero o fenómeno é complexo, pois non está moi claro se pretenden unha revolución, no sentido tradicional, mesmo ultraesquerdista, ou unha revolta noutra dirección. Eles toman distancias tanto fronte ao tráxico-soviético coma fronte ao cómico-grupuscular, incluíndo neste derradeiro paquete o negrismo". No caso de Toni Negri, por substancializar o carácter do imperio a través de instancias -FMI, UE, ONU- "que de feito están baleiras". "Son un cebo".
"A distribución de papeis está en dúbida", segue Castro. "O sistema está encantado cos antiglobalización, anque rebenten cristais, pero Tiqqun obríganos a tomar en serio unha metafísica que xa rexeitaramos". Da apropiación desta filosofía da existencia -cos pés en Stirner e Nietzsche, e incluíndo autores reaccionarios- hai probas dabondo nos dous libros. Tamén do que Castro denomina "entrismo ontolóxico", nunha chiscadela ao trotskismo práctico. Tiqqun propón a infiltración e o agocho, a dilatación das consecuencias xurídicas e políticas das performances e, no fondo, a "sabotaxe con estilo" que amaba Debord.
Do risco de caer na música universitaria fala un estudoso de Deleuze, Miguel Ángel Quintanar, que o 18 de abril exporá outra visión do alcance dos Tiqqun. "Reorganizan o mapa teórico das políticas da resistencia", di, "pero non chegan a formular unha alternativa positiva e viable". Malia todo, destaca as súas "indicacións precisas" sobre cómo radicalizar, e facer funcionar na práctica, os conceptos filosóficos neutralizados polo discurso académico.
Nese punto coincide con Javier Turnes, que pechará o 6 de xuño as charlas sobre Introducción a la guerra civil -Marcos Lorenzo dá a primeira o 9 de maio-. Turnes, profesor en Cee, sinala que agora si temos "a distancia precisa para que se encarne o discurso deleuziano". "Daquela tan só era filosofía. Ou, como lles gusta dicir aos Tiqqun, cando a violencia do poder se volve preventiva, xa non serve de nada ter razón". Na primeira reunión, aos Tiqqun apúxoselles un "exceso de literatura". Turnes aquí non dubida. "Nesta altura, só é un prexuízo engadido. Que alguén defina pensar, escribir e vivir, e logo falamos". Malia á literatura, a publicación en Francia do último libro do colectivo, A insurrección que vén, a finais do ano pasado, antecedeu ao encarceramento do comité invisible de Tiqqun, que vivía nunha granxa. E converteu o texto no maior bestseller de La Fabrique.
"Coupat e os demais son vítimas dunha impunidade inconcebible", insiste Castro. As probas do Goberno francés, cinco meses despois, redúcense a un horario de tren e a acusacións de "activismo anarquista". Rancière, Agamben -profesor e inspirador dos Tiqqun n'A comunidade que vén- e Badiou están entre os 30 intelectuais que asinaron en Le Monde Non á orde nova.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 3 de abril de 2009