Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Entrevista:AFONSO EIRÉ | Escritor e conselleiro delegado de Promocións Culturais | Luces

"O consumismo manda para crear necesidades"

O escritor e o xornalista pelexan en Afonso Eiré. Vén de editar 'Os bicos de Tina', pero preocúpalle o devalo da nova Xunta. Uniu as facetas na novela 'O coxo de Vilarelle', hai cinco anos: "Facía sátira do novo caciquismo galego..."

Os labores de xornalista e de escritor definen a personalidade pública de Afonso Eiré (Chantada, 1955). Vai xa para dous anos desque aparcou a dirección do semanario A Nosa Terra e asumiu o posto de conselleiro delegado da empresa editora do xornal, Promocións Culturais Galegas, SA. Este analista e entusiasta da conversa vén de publicar a Os bicos de Tina (A Nosa Terra, 2009), un relato no que indaga na infancia e na mocidade da parella protagonista para contar o seu presente.

Pregunta. Como leva a maridaxe entre escritor e xornalista?

Resposta. Eu lévoo moi ben! A simbiose entre os dous labores ás veces é imprescindíbel. Desde sempre gústame contar historias en distintos formatos. A reportaxe é un dos meus preferidos, aínda que non a frecuento tanto como quixera. Coa ficción acontece que un pode chegar a se explicar mellor porque aporta os matices que obvia o xornalismo e pode recorrer á historia para facer pensar encol da realidade actual. O pasado axuda a explicar as cousas que pasan.

"Facendo uso da distinción do conselleiro, son un escritor galego"

"Uns lectores tomaron ben o cambio n'A Nosa Terra', outros non"

"Dende os sectores que axudaron a inastauralo, Feijóo terá graza perpetua"

P. E igualmente explica a súa recorrente volta á infancia na súa obra literaria.

R. A historia serve como argumento pero tamén como denuncia, porque tendemos a esquecer o pasado. A desmemoria significa furtarlle a cultura, os alicerces e a identidade a xeracións de persoas, e abre o camiño á imposición de culturas alleas.

P. Fala vostede de Galicia?

R. É que eu, facendo uso da distinción sinalada polo conselleiro de Cultura, son un escritor galego, nomeadamente, polo idioma que utilizo, non polos temas. Como está máis que demostrado, o local non está contraposto co universal: os grandes sentimentos, que son os que están pegados ás raíces das persoas, son universais. Rebélome contra a uniformización do pensamento e as grandes correntes marcadas polas modas.

P. Afecta a crise a ese modelo?

R. A imposición da cultura estandarizada está en crise, a imaxe e semellanza e á maior gloria do mercado. O consumismo manda na literatura, no cinema, no xornalismo, para crearlle necesidades á xente! Isto vense abaixo, o problema é que non o queren recoñecer. Cómpre reivindicar a diversidade, as culturas autóctonas, a tradición e diferenza. O chamado Banco Mundial fixo o contrario: impuxo a mesma economía a todos os países rompendo a súa base tradicional. Os grandes desastres humanitarios e as grandes fames son as consecuencias. Os nacionalismos de esquerdas emerxen en América do Sur para saír en defensa do propio e ser donos dos seus recursos! A denuncia tampouco é nova, pero é tan forte a tendencia e tan impositivos os medios de comunicación que as críticas non se sinten.

P. E entre os medios disidentes aos que alude supoño que sitúa a A Nosa Terra...

R. ...porque, desde hai cen anos está fronte ao sistema imperante. E o tempo foille dando a razón aos seus rectores, cuxas ideas acabaron sendo recoñecidas en Galicia. Podemos facer unha alba de gloria e citar a Murguía, Lugrís, Pondal, Bóveda, Castelao e Vilar Ponte, e veremos que agora hai xentes, mesmo afastadas dese ámbito, que recoñecen a valía das súas teses e até chegan a quereren apropialas. As ideas de nación, a campaña polo Estatuto e o novo nacionalismo, así como a ecoloxía e o feminismo, forman parte da súa voz propia, da ideoloxía de A Nosa Terra como medio de expresión dun pensamento colectivo.

P. Como se tomaron os lectores militantes d'A Nosa Terra o cambio empresarial e a incorporación de colaboradores non nacionalistas?

R. Uns ben e outros non tan ben. Tamén podemos dicir que non houbo desercións: mantémonos nos 4.000 subscritores e a empresa Promocións Culturais Galegas conta cun milleiro de accionistas. Todos os medios de tendencia europeos, en Portugal, Francia e Italia como mostra, tiveron que adaptarse a unha estrutura máis capitalista. Por outra parte, hai un antes e un despois da chegada do nacionalismo ao poder, un cambio que haberá que analizar ao detalle. Sen perder o noso discurso, centrado no idioma e na defensa da identidade, quixemos chegar a novos públicos.

P. A falta de esa interpretación exhaustiva, como lle sentou o poder ao nacionalismo?

R. Preocuparíame que non houbese catarse logo de chegar ao poder. A asunción de ser goberno non foi doada porque a adaptación das arelas á realidade produce choques, aínda que ocasionou moitos menos traumas internos dos que eu pensaba. O problema foi que non explicaron o que non fixeron e por que non o fixeron. Por outra parte, considero que a masa social transformadora ten que ser crítica! Eu non falaría de decepción, senón de desazón. Faltou que a base se implicase na defensa do goberno e, tanto o BNG como o PSdG minusvaloraron a maquinaria do PP, o único partido leninista de Europa: funciona o centralismo democrático e a transmisión rápida de consignas.

P. Gozará de cen días de gracia a nova Xunta?

R. Desde algúns sectores, que axudaron a instauralo, terá graza perpetua. Feijóo non contaba con gañar e coido que fixo promesas difíciles de cumprir. Os militantes do PP non están en contra do galego e non van permitir que se atente contra a lingua. O fraguismo entendeu que o de "ser galego coma ti" daba votos e non penso que ir contra iso reporte beneficios ao PP. Por outra parte, revisar o concurso eólico é unha obriga de goberno, deste ou doutro, pero o decreto é legal porque está aprobado. Se se saltan os baremos, estabelecidos para beneficiar ás empresas galegas, será porque queren beneficiar aos mesmos que eran favorecidos antes, aqueles aos que entregaron a dedo os parques eólico... O abrazo de Feijóo e o presidente de Iberdrola tras a toma de posesión é ideoloxía.

P. A conversa principiou encamiñada pola beira literaria, mais gaña a política.

R. Na novela O coxo de Vilarelle (Espiral Maior, 2004), que vai ser levada ao cine por Antón Reixa como produtor, fixen sátira do novo caciquismo galego...

P. A infancia é un dos eixos d'Os bicos de Tina.

R. Desque se erguen até que se deitan, os nenos son vixiados, mesmo nos xogos, o que coarta a liberdade e impide o desenvolvemento das capacidades. Iso explica tantos fracasos vitais. Os nenos non pertencen aos pais. Esta sociedade penaliza o mundo dos afectos e da sexualidade.

P. Non é contraditorio ese afán de encerrar as crianzas nunha xaula dourada co feito de que os pais non teñan tempo para atendelos?

R. Desde a infancia, os nenos están aleccionados pola ideoloxía dominante ao servizo do mercado e, como tamén teñen necesidades creadas polo consumismo, frústrase cando lle faltan. Se os pequenos non socializan, non comparten afectos e vivencias, despois estarán sos e sen amigos, como acontece con adolescentes nas cidades. E argallar festas de aniversario de consumo non o soluciona.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 1 de mayo de 2009