Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
A VER | Luces

Matalobos

Mentres corta os bistés na súa tenda de Louro, Chindo comenta o último episodio de Matalobos, a serie que pasan na Galega. Unha veciña que está diante miña entra a comentalo e tamén eu meto a culler no asunto. Discutimos se é verosímil ou non algún momento da serie, a veciña ve que é moita esaxeración iso de que Diego lle poña a pistola na cabeza a Vanessa para obrigala a matar a un rapaz cunha moca e que, aínda por riba cando xa o rapaz está deitado inconsciente ou morto ela siga a bater nel como se fose mallar no trigo. Eu doulle a razón, aí fóiselle a man. Chindo matiza mentres pesa a carne, "sempre se dixo que a realidade supera a ficción". A veciña matiza: "Nalgunhas cousas pásanse". No que si estamos de acordo os tres é en que seguimos a serie, coñecemos as personaxes, discutimos as súas accións, mesmo reflexionamos sobre se esa ficción reflicte ou non cousas que acontecen no noso país.

Matalobos é un éxito merecido. Vai ser na ficción televisiva galega algo semellante ao que foi Mareas vivas, un clásico que fica na memoria afectiva de varias xeracións e que soubo crear personaxes que podiamos crer e aos que tamén podiamos querer. Neste caso Matalobos ofrécenos sobre todo personaxes aos que podemos odiar, ou anoxarnos con eles. Con bastantes actores e actrices que compoñen ben a súa personaxe e algúns excelentes, ao actor que o encarna vaille resultar difícil separarse no futuro da personaxe de Carmelo Matalobos, semilla que se meteu dentro. E a Vanessa (con dous eses ou con un?), demo de rapaza, é mala de mala que é. Tendo como ten un pai e mais unha nai tan boíños e ocupados nela a rapaza e retorcida e fría, tenas todas. Vanessa é unha personaxe difícil pois é malo de crer e con todo a actriz dalle credibilidade, faino verosímil e atrévome a dicir que é antropoloxicamente galega. Tamén hai polo medio personaxes que son auténticas miñaxoias, parruliños. As vítimas dos malos e malas. Porque a nai de Carmelo tamén é boa! É, a serie non só non nos deixa indiferentes senón que nos implica emocionalmente, anoxámonos cos personaxes, chamámoslle cousas, "será cabrón! Será pendanga!". E que máis se lle pode pedir a unha serie? Funcionan os mecanismos da ficción do folletín, queremos saber que vai facer Carmelo agora que o están acurralando entre "a espalda e a parede". E logo Diego, o verdugo atormentado e namorado, vai facer traizón? Por un lado compréndelo ben, non ten outra opción humana, mais ao tempo tamén non queres que traizoe. E por que? Pois porque, aínda que Carmelo sexa malo como un demo, identificámonos con el, vemos as cousas a través do seu punto de vista. Iso é a narración tradicional, parte da súa grandeza, que nos confundimos cos personaxes da historia.

Ten sentido que se comente aquí, en páxinas de Cultura, así con maiúscula, o que semella cultura con minúscula? Coido que si. Pois a ficción é o pan da literatura, o alimento que todos precisamos e a ficción na televisión é hoxe unha literatura para todos, non ten ningún sentido ignorala. Menos aínda cando merece un certo respecto.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 19 de junio de 2009