Ardentía é a revista anual de estudosos da federación. Dirixida por Luís Rei e con Sole Rei como axudante, no encontro de Muros presentan o número cinco. "Queremos ser o instrumento dos que investigan no patrimonio marítimo", resume o seu director, "sermos unha ferramenta útil". Asesorada por un consello de redacción no que se inscriben o propio Fernández Rei, Dionisio Pereira, Lola Varela, o escritor Emilio Ínsua e Ivone Baptista, Ardentía bota 1.500 exemplares de case un cento de páxinas cada un nos que recollen o traballo máis documental dos militantes marítimos. "Cando comezamos cos encontros, elaborabamos un libriño para a ocasión e iso derivou na revista". A publicación, que conta subscriptores por toda a Península e no norte de Portugal -a federación inclúe a "Galaecia Sur"-, centra o número acabado de saír do prelo no mar da vila de Muros.
"A estrutura repítese dun número a outro e inclúe unha sección de eventos e outra de recensións libros", explica Luís Rei. O relato da Motora dos Canedos cobre o apartado dos barcos pantasma. A historia de vida, na que unha muller ou un home trazan a súa relación co mar, corresponde ao derradeiro arpoeiro de baleas. A sección de naufraxios non dá conta, desta volta, de vítimas, pero narra o afundimento de galeóns (buques para transporte de mercadorías na ría) que navegaban de Arousa a Muros pescar na sardiña. Dionisio Pereira explica os "pailebotes no comercio de cabotaxe" acompañado de fotografías, anos 30, de Cancelo, e Lois Ladra comenta as artes de pesca fluviais. A última novela de Luís Rei Núñez, ambientada no Muros de posguerra, ten o seu espazo da man de Emilio Insua. "Somos o maior encontro de embarcacións do Estado", oufánase Rei, e desafía con sorna: "Non temos tanta xente como Ortigueira pero estamos aí".
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 10 de julio de 2009