Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

Castelao connosco

Hai xa vinte e seis anos, en 1983, defendín como deputado no Parlamento de Galiza o retorno desde a Arxentina dos restos de Afonso Rodríguez Castelao. A iniciativa estaba fundamentaba tanto nos contidos da autonomía política que comezaba a respecto da prefigurada no Estatuto da República, como na crenza da volta de Castelao á súa terra de ter a República derrotado ao levantamento militar ou se acabada a II Guerra Mundial a sorte que nos tocara vivir non fose fascista e si democrática. Castelao reclamaba entón "a autonomía integral de Galiza" para federarse "cos demais povos de Hespaña, unha República Federal Hespañola para confederarse con Portugal, e unha Confederación Ibérica para ingresar na Unión Europea...". Porén tomada polos aliados ocidentais no comezo da Guerra Fría a decisión de non derrocar a Franco, a volta do rianxeiro para defender as posicións conseguidas polo Partido Galeguista e o conxunto do Frente Popular en 1936 tornóuse imposíbel. De caer a ditadura en 1945, Castelao viría contribuír na aplicación do Estatuto aprobado e defender un Estatuto de nación. Queréndoa, non agardaría no exilio o advento da República Federal.

De caer a ditadura no 45, Castelao viría contribuír ao Estatuto aprobado e defender un de nación

O facto de Galiza non contar en 1983 con un Goberno nacionalista ou ligado aos valores republicanos, lonxe de ser un impedimento para a vinda dos restos de Castelao, constituía un estímulo para conseguilo. Eramos os demócratas e nacionalistas galegos os que debiamos facer o preciso para mudar a situación, dependendo do pobo que as nacentes e precarias institucións de autogoberno fosen gobernadas polos que partillaban as ideas do militante político que deu a luz o Sempre en Galiza. Sendo certo que Castelao morrera no desterro polo seu compromiso político e moral antifascista, rematado o franquismo cumpría telo connosco, como memoria transformadora.

Coa proposta do retorno aplicábase unha política de aproveitamento nesta conxuntura do espazo do Estatuto de Autonomía para camiñar cara a emancipación nacional de Galiza e recoñecíase ao Parlamento como un lugar institucional para a realización de tal tarefa histórica.

Na Proposición non de Lei apresentaba no Parlamento en nome de Esquerda Galega reclamábase que os restos de Castelao retornasen "na harmonía de tódolos galegos, e co significado político non discriminatorio que tiña a súa figura", lembrando "que no seu desterro na República Arxentina, despois de entregar os seus mellores esforzos á causa democrática e á procura da liberdade da Nación Galega", Castelao manifestara o desexo de "retornar a Galiza mais non para morrer, senón para vivir". Foi recordado que na loita daqueles anos contra a Ditadura e frente mesmo á incomprensión dos demócratas centralistas do exilio, Castelao "defendeu os dereitos de Galicia como unha nación perfectamente diferenciada", admitindo a vía da autonomía política como un paso cara o pleno autogoverno, mais non unha autonomía subordinada, con "atribucións precarias e restrinxidas", afirmándose que a volta dos seus restos significaba "o retorno dun dos pais da Galicia moderna". Trouxen a memoria que presentindo a "morte no desterro" Castelao deixara dito: "Se a vida se acaba no desterro, sen poder devolverlle o meu corpo á terra que mo emprestou, aínda había de ser para Galiza o meu derradeiro alento".

Na intervención no Parlamento demandei que o acordo do retorno debería ser tomado "coa conciencia clara do significado da obra de Castelao, inequivocamente unida á súa crenza no carácter nacional de Galicia" e que tendo en conta as circunstancias do momento e as diversas iniciativas que xurdían querendo a volta dos restos, habería que procurar que ninguén se sentise "separado ou discriminado", insistindo na obriga de que se sentisen representadas "todas as institucións, todas forzas políticas, sociais e económicas", conxugando o protagonismo do Parlamento coa necesidade de que "o feito material e concreto da volta for protagonizado en sentido estrito polos que custodian os seus restos en América, polos galegos da emigración e pola familia aquí presente en Galicia".

A Proposición non de Lei foi aprobada coa participación de todos os grupos presentes. No Diario de Sesións consta a emoción expresada polo conxunto da Cámara. Fora apresentada coa idea que guiou asemade as iniciativas sobre a Lei de Normalización Lingüística, a autodeterminación nacional, a conservación de Fenosa como empresa galega, os direitos dos traballadores, a inmediata construción das autovías e do tren de alta velocidade, a transferencia da Sanidade, a competencia nos portos de interese xeral, as relacións con Portugal ou a defensa dos sectores produtivos galegos e o recoñecemento de Galiza como nación perante a entrada na Comunidade Europea....

Chegados en 1984, no momento da entrada dos restos de Castelao en San Domingos de Bonaval, para ficar par de Rosalía de Castro, evidenciouse a existencia de visións e conflitos, mesmo dentro do nacionalismo galego, que 25 anos depois están sen resolver.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 10 de julio de 2009