Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
INÉDITOS CON FIRMA | Luces

Poema soñado

1

Sobre os paxaros. ¿Por que os paxaros e a poesía? Os paxaros están na sombra, na noite. A poesía é un xeito de voar na linguaxe, para separarse do mundo e volver a el - - pousar, re-pousar sen someterse - - á linguaxe - - completamente. O paxaro regula a distancia coas ás, a poeta escribe nela - - un tipo de linguaxe que non é deíctica senón apodíctica (hogano as polémicas son para os cidadáns, non para os lectores). Declaracións que non precisan demostración porque son unha mostración.

Volver á canción de berce. Falar nun dobre plano, cun desdobramento. As ás préganse e despréganse, coma a linguaxe; a linguaxe poética xoga con esa prega, ese encarta-lo sentido ocultándoo ou, ó pregar, facendo que o sentido perda sentido - - unha parte da linguaxe queda oculta, non está á vista malia estar presente. Coma o corpo do paxaro, cuberto coa pluma... coa que se escribe.

Coller na man un paxaro inqueda: toda a palma da man: o latexar todo.

E logo os liques, os mofos e os álamos ó final. E antes o ollo, outra prega.

A pálpebra é linguaxe (abre/pecha), a linguaxe do ollo - - a mirada, ou a súa ausencia. A ollada tamén pousa... nos obxectos, nos suxeitos. Cobre o mundo coma a linguaxe. Trala prega, trala pálpebra. O ollo é coma un paxaro, asemade no niño e no aire, agáchase e mira, voa fóra e recóllese en si mesmo. O álamo apunta ó aire.

Ó alado, é deíctico, compensación: chantado na TERRA. Entre o mundo e o aire, toca o aire nace da terra. Nación. Coma a poeta. Un andróxino das linguaxes, unha encrucillada, sen sexo sen lingua sen fala.

¿Que son os liques, o mofo? O pouso, o que queda. Na cortiza dos álamos. Apegados á linguaxe: unha excrecencia. Non linguaxe propiamente dita, non poema, resultado do poema: a detención, o significado. O que non se pode ver nin apalpar. A morte.

2

Trátase dunha Traumnovelle - - novela soñada - - poética. Daquela, un Traumgedicht, un poema soñado. A relación do alado coa poesía non precisa comento. O alado está nun medio que é linguaxe: o aire non se apalpa, percíbese soamente. Está na elevación, quere dicir, no contacto e na nube, no que é e non é tal. Está en certo afastamento - - controlado: pola linguaxe, polo vento: pairar no aire é como pairar na linguaxe: no baleiro: a poesía.

[para a poeta dos paxaros]

O último libro de poemas de Carlos Lema é O xeito de Freud (Espiral Maior)

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 10 de julio de 2009