Aclarar "qué se pretende, por riba do organismo", era o que pedía a comezos de xullo Xosé Manuel Olveira, Pico, como presidente da Academia Galega do Audiovisual. Hoxe no sector aínda non se sabe exactamente a quen chamar. O único claro ata agora é que todo gravitaría arredor do Consorcio Audiovisual, segundo confirmou ese mesmo mes Alfonso Cabaleiro, responsable da Secretaría Xeral de Medios, adscrita a Presidencia, sen descartar que Roberto Varela puidese ocupar a presidencia honorífica do Consorcio.
Dous meses despois, os festivais de cine máis inminentes (o de Ourense empeza o 10 de outubro, Cineuropa en novembro) terán que rebaixar o seu perfil ante as dúbidas orzamentarias, que nin se verifican nin se rexeitan. O conselleiro de Cultura, que onte viaxaba a Venecia para asistir á estrea de Celda 211, de Vacafilms, na LVII edición da Mostra, puntualiza que o Consorcio "dá problemas". "Unha cousa é a promoción, pero as axudas á produción teñen que ver con Cultura, como esixe a lei europea de excepción cultural".
MÁS INFORMACIÓN
De calquera maneira, engadiu, "no Consorcio ou en Cultura, sempre estarei aí". Falta por saber con que competencias e en que organismo. Antes de anunciar Cabaleiro que o audiovisual sería cousa do Consorcio, Feijóo deixou dito que o organismo "único, entre os xa existentes" que deseñaría a política audiovisual non sería a Axencia Galega das Industrias Culturais, dependente de Cultura e símbolo da xestión nacionalista nese departamento.
Anque desde o sector se escenifica un claro tirapuxa entre Cultura e a Secretaría Xeral de Medios, tanto Varela como Cabaleiro falaron onte de "consenso". Visibilizalo será cousa de "non máis de dúas semanas". A incógnita de saber como cumprirá Feijóo a súa promesa manteráse ata entón.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 4 de septiembre de 2009