Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
REPORTAJE

Un museo á busca de modelo

O portugués Von Hafe aterra no CGAC coa tarefa sempre adiada de refundalo

"Recuperar o esplendor do CGAC", potenciar a parte "museística" e "facelo máis autónomo, na liña do Prado ou o Reina Sofía". Foi o primeiro que dixo o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, tras o nomeamento do portugués Miguel von Hafe como director do Centro Galego de Arte Contemporánea para os vindeiros cinco anos. No do esplendor non está claro se quere remontarse á época de Gloria Moure, cando o centro se fixo visible a base de exposicións de Medardo Rosso, Giovanni Anselmo ou Anish Kapoor.

A respecto da autonomía, as declaracións de Varela parecen anunciar unha refundación, sen precisar alcance. "Esa é a idea que manexamos", sinalou a este xornal Manuel Borja-Villel, director do Museo Reina Sofía e xuri no primeiro concurso internacional que se convoca para escoller director do centro. Non son os modelos do Prado nin do Reina Sofía, que esgota o trámite para converterse en axencia estatal, os que valen para o CGAC, integrado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. "O mellor sistema é a fundación", afirma Villel, para "axilizar a xestión" e para atraer con maiores vantaxes fiscais o patrocinio privado.

"O catálogo dixital de artistas portugueses é unha boa credencial"

"Politicamente, a independencia do CGAC sempre se botou atrás"

"Co seu orzamento non se poden facer mostras punteiras e mercar obra"

"O museo máis visitado en España segue sendo o do Real Madrid"

Galeristas e críticos falan da necesidade dun novo modelo de xestión e da identidade do centro, con 16 anos de vida, como debates "repetidos", sempre entre director e director. As características do tecido artístico e as pexas de partida do único, canda o Museo do Pobo, museo nacional, condicionan calquera reflexión sobre a cuestión do público. A sombra do que poida ser o Centro de Arte Internacional do Gaiás, que custará 35 millóns -as obras aínda non se sabe se comezarán en 2010-, tamén está aí, anque case ninguén pense que vaia funcionar, nin se coñeza en qué sentido debería especializar a súa oferta.

"Co orzamento do CGAC [3 millóns, 600.000 para adquisición de obra] non se poden facer exposicións punteiras e ademais mercar obra", di Adolfo Sobrino, da compostelá SCQ, para quen vivimos "un pouco embalsamados en nós mesmos". "Cantos coleccionistas hai en Galicia? 10 ou 15 desde hai vinte anos, e aínda non teñen idade de doar". Só a montaxe da retrospectiva de Joseph Kossuth en París supera o orzamento do CGAC. "Atraer público non é barato", resume.

Asunta Rodríguez, de Trinta, chama a atención sobre os comentarios que parecen afondar nunha idea "museística" do novo CGAC. "Se Von Hafe aposta por seguir ampliando a colección do centro [máis de 1.300 pezas] e producir un pouco menos nuns momentos tan duros... Temos que ver o contexto e as circunstancias, pero a museística tamén implica investigación e produción de exposicións, non é despectivo de seu". O momento actual, considera, é bo para cadrar unha fórmula que lle permita gañar audiencia e penetración social. Con varios apuntes sobre mitos fundacionais -"algúns dos que agora critican a xestión de Manuel Olveira están chorando sobre a leituga de Giovanni Anselmo", di, en referencia a Sen título, a obra na que o escultor ataba unha leituga a dous bloques de granito- e sobre o público mesmo: "Non convén esquecer que o museo máis visitado segue sendo o do Real Madrid; e o catálogo máis lido, o de Ikea".

Para o crítico David Barro, que defendeu que fose "alguén de fóra" quen asumise a dirección do CGAC "polos problemas internos do centro e a mirada sen prexuízos", o éxito de Von Hafe dependerá de cómo consiga traballar cos axentes culturais que configuran o sector, algo que considera "moi malogrado" na última etapa do CGAC. "Tampouco caben posturas suicidas nin radicais que muden o sentido da colección ; en Galicia hai moito por facer e Miguel sabe traballar coa base da arte, independentemente dos recursos dos que dispoña". Ao respecto da independencia do CGAC, que esixiría unha reforma a fondo do regulamento de 1996, Barro -que en xaneiro comisaria en Vigo Espacio Atlántico- é escéptico: "Todos os directores o pretenderon e botouse para atrás politicamente. Personalmente, ata que non o vexa non o creo".

Desde outra xeira, o tamén crítico Xosé Manuel Buxán racha o consenso arredor do concurso e identifica posibles buratos, algúns propios: "No comité de expertos non había artistas nin comisarios independentes, anque aquí os críticos e os artistas tampouco están asociados". Buxán pregúntase pola xínea dos proxectos presentados. "En que consistían? Quizais argallar un mecanismo para debatelos, se a intención é refundar, estaría ben". A falta de experiencia de Von Hafe como director-xestor non lle parece un lastre, e tampouco pensa que museo sexa un sonsonete que arrebolar: "Ninguén vai reivindicar que o CGAC sexa o Museo de Pontevedra". O especialista d'A Nosa Terra destaca Anamnese, o xigantesco catálogo dixital de artistas contemporáneos portugueses que impulsou Von Hafe, coma unha boa credencial. Logo están as referencias a unha futurible "rede museística" Porto-Santiago-España-Europa. Para iso, di, "habería que definir antes a rede museística galega, as coleccións e a programacións de todos os centros de Galicia".

Crítica no Diario Cultural da Radio Galega e colaboradora do CGAC con todos os directores, Natalia Poncela fía a situación interna do centro coa necesidade de refundalo, alén da necesidade de novos mecenados (entroutras entidades, Leche Pascual e Gas Natural xa teñen patrocinado montaxes do CGAC). "En termos de xestión, o CGAC dependente de Cultura non vai a ningures", sintetiza. Que sexa máis museo ou máis centro dependerá outra vez do director, pero a evidencia, insiste, é que "ten que ser un museo-centro de arte moderna". "A función de colector, tirando de fondo pero con proxecto museográfico, e a altura para rastrexar qué sucede son vías que deben estar conectadas, sendo permeable a todo o mundo. Non existe un perfil único de visitante".

Sen coñecer as liñas mestras do proxecto de Von Hafe, xa se filtrou que a primeira exposición había xuntar "valores consagrados". Aquí Poncela demanda claridade. As exposicións punteiras son as de Medardo Rosso ou Dan Graham, pero máis visitas reciben as cesións do Museo Thyssen-Bornemisza.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 2 de octubre de 2009