Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

Pisando Ovos abre o Catropezas

Tras a estrea no Pazo da Cultura de Narón, o pasado sábado, a nova montaxe de Pisando Ovos, Tres, abre esta noite (22 horas) a cuarta edición do Festival Catropezas, que durante este mes de novembro amosará as propostas coreográficas dos bilbaínos Matxalen e de Provisional Danza de Madrid.

Tres, en cartel ata o domingo, regresará ao Ensalle a comezos de decembro para unha segunda estadía. O resultado é froito dun proceso de prospección no íntimo da súa creadora, a coreógrafa e bailarina ourensana Rut Balbís. "Nunca investigara con corpos de muller e, como necesitaba contar certas cousas que me estaban pasando, solicitei a colaboración das bailarinas Andrea Quintana e Janet Novás, unhas excelentes profesionais, ademais de amigas, que son as axeitadas para tirar proveito da linguaxe particular de Pisando Ovos; canda elas, coido que o espectáculo vai ir medrando nas sucesivas funcións".

MÁS INFORMACIÓN

O trío de mulleres é inseparábel en escena, onde están arroupadas pola ambientación sonora creada por Soyuz e a escenografía de Afonso Castro. A compañía está de noraboa, xa que o seu espectáculo anterior, Menos un, foi seleccionado para a súa exhbición na Rede Estatal de Teatros Alternativos. É a terceira vez que unha montaxe de Pisando Ovos entra no circuíto máis denso do alt teatro europeo. "Sempre é unha oportunidade e un pracer, resulta moi gratificante pasar este filtro", recoñece Balbís, quen para a realización deste espectáculo, o quinto na historia da compañía que agora dirixe en solitario, contou cunha residencia artística do CCG, en setembro pasado.

O Festival Catropezas, que inclúe tamén a participación de artistas belgas e franceses canda galegos e madrileños para a realización de varios solos de danza, está organizado pola sala Teatro Ensalle de Vigo e conta co patrocinio do Concello vigués e do Ministerio de Cultura. E, ata este ano, da Xunta, que aportaba 6.000 euros. "Desde a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural non nos deron explicación algunha sobre a retirada da axuda", indica Pedro Fresneda, codirector da sala viguesa, quen impulsa unha campaña na Internet de apoio ao festival.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 6 de noviembre de 2009