Hai agora exactamente tres anos, en novembro de 2006, Culleredo inauguraba a Biblioteca Uxío Novoneyra, ubicada no pazo Villa Melania. Un acto que, propiciado pola doazón de moitos e valiosos exemplares pertencentes ao editor e escritor Miguel Anxo Fernán Vello, evidenciou a admiración que os creadores coruñeses, en xeral, sinten por un dos xenios indiscutíbeis da literatura galega. Tamén en Culleredo, onte, comezou o XV Seminario de Historia de Culleredo, dedicado ao protagonista do próximo Día das Letras Galegas.
En palabras do concelleiro Celestino Poza, "unha vez aceptada pola Academia, a proposta comunitaria para o Día das Letras, decidimos dedicar o seminario a degrañar a traxectoria biográfica, poética e pictórica de Uxío Novoneyra, o seu vencello co Courel e a súa implicación sociopolítica cos tempos que lle tocou vivir". "Son xornadas de altísimo nivel intelectual", asegura Poza, "con especialistas en literatura ou xeólogos centrados no Courel, historiadores, pintores e escritores".
O acto central do programa será o espectáculo de poesía, música e danza contemporánea que interpretará a poeta Yolanda Castaño e a bailarina Branca Novoneyra, a filla daquel poeta "volto todo cara a palabra, nunha expectativa tal como se ela puidese ir máis alá aínda da propia conciencia e memoria".
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 27 de noviembre de 2009