Deserto diamantino titúlase o conxunto de poemas que lle valeu a Xavier Rodríguez Baixeras (Tarragona, 1945) a oitava edición do premio Caixanova. "Neste libro prevalece a reflexión en torno á vida en xeral", explicou Baixeras onte dende Salvador da Bahia, onde reside seis meses ao ano. No xuri do certame formaban os críticos Ana Acuña e Carlos Bernárdez, a escritora Luisa Castro, o catedrático da Universidade de Santiago Anxo Tarrío e o presidente do PEN Clube, Luís González Tosar.
"O título refírese á xeografía do Brasil; ese deserto é o Sertão", explica o autor de Eclipse (2001), "mentres que o diamantino remite á Chapada Diamantina, unha chaira na que se extraían diamantes". A lectura, con todo, é dobre. Na dicotomía entre "a carencia, a perda" representada polo deserto e o gozo ao que chama o diamante resoan a pólvora e a magnolia de Ferrín ou mesmo a música e a cinza do seu coetáneo Manuel Forcadela.
Pero o galardoado, que refuga -"se cadra máis adiante"- citar lecturas previas a estes poemas, salienta antes de máis o rigor formalista de Deserto diamantino. "Emprego unha estrofa clásica, tres hendecasílabos e un heptasílabo, adoito con rima", expón. A estrutura do libro procura, amais, a simetría da pedra preciosa que enuncia no título. "Son poemas puídos, con muitas facetas igual ca un diamente, que non ten nada que ver coa depuración d'O pan da tarde [a súa obra anterior, datado en 2006]". Baixeras especifica os eixos do volume: a posesión dunha nova terra (o Brasil), a precisión ou non da lingua poética, o amor, a vellez ("vetusto mar") e a morte.
Volven os 80
Ao tempo que Baixeras leva o Caixanova -12.000 euros e publicación na colección Arte de Trobar-, chega ás librarías o seu ensaio Bos tempos para a lírica. A xeración dos 80 (Espiral Maior). "Trátase dunha reflexión sobre os poetas da miña época", di, "sen afán académico nin clasificatorio, simplemente unha homenaxe á miña xeración".
Esa xeración vén de se reivindicar, na súa vertente coruñesa, coa reunión do grupo De amor e desamor e Manuel Forcadela atribúelle, en entrevista no semanario A Nosa Terra, "a normalización da cultura galega". Antes do propio Baixeras, Xavier Seoane e Román Raña conseguiran o certame da caixa do sur para a quinta de poetas da Autonomía.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 18 de diciembre de 2009