Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

Morre Andrés Pazos, o actor galego protagonista de 'Whisky'

Vírono hai poucos meses Ernesto Chao e Xosé Manuel Olveira, Pico, en Bertamiráns, onde vivía, cando foron a Ames con Aeroplanos, de Lagarta Lagarta. "Aí nos veu saudar, e vímolo ben... Foi unha certa sorpresa". O cancro que lle diagnosticaran a mediados dos 90 acabou levando ao actor galego Andrés Pazos, Jacobo na película uruguaia Whisky (2004), premiada en Cannes e mellor película estranxeira nos Goya. Tiña 65 anos.

A nova do pasamento repenica desde o mércores na prensa uruguaia e arxentina. Os pais de Pazos emigraron a Montevideo cando el era moi neno, e alí se formou, na prestixiosa escola de El Galpón -a compañía-teatro levantada en 1951 pola acción popular directa, ao primeiro era un pendello-. Corenta anos despois da partida, decidiu volver a Galicia. Pronto se instalou na compañía estable do Centro Dramático, onde participa en once montaxes entre 1992 e 1998, desde A lagarada ata Las galas del difunto. Sempre con Manuel Guede á fronte do CDG, traballou ás ordes de Manuel Lourenzo, Cándido Pazó, Antonio Simón, Kukas ou Quico Cadaval, ao final ao ritmo que lle permitía a enfermidade.

Emigrou con catro anos a Uruguay e aínda así falaba un "galego incrible"

Con texto de Otero Pedrayo para empezar, foi o señor Vences do Alén, petrucio vedraio n'A lagarada. Olveira, fillo seu naquela obra, lembra a un actor dos que non andan sobros. "A presenza escénica, a voz, a experiencia... E logo tiña un galego incrible, non era de crer que emigrase de Galicia con catro anos". En 1997 aínda fixo de cego e peregrino n'O peregrino errante que cansou ao demo, sobre texto de Xavier Lama, onde tamén se ocupou da dirección e da dramaturxia. Dous anos despois volveu a América, onde participou en montaxes como Rasga, corazón ou El sueño y la vigilia. Aínda lle deu tempo de recoller loureiros cinematográficos. Pola desolada Whisky, de Juan Pablo Rebella e Pablo Stoll, onde encarna ao dono dunha pequena fábrica de medias. Volveu a Galicia, xa definitivamente, en 2006, xubilado por enfermidade. A saúde xa non lle permitía comprometerse laboralmente.

Vicente Montoto, da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, tamén compartiu escenario con Pazos, que deixa dous fillos radicados en Galicia. "Trouxo un bagaxe de coñecemento que aquí non había. Desa formación práctica que non se aprende en ningunha escola de arte dramática".

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 15 de enero de 2010