Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
INÉDITOS CON FIRMA | Luces

Un encargo

O asasino M recibiu a chamada ás catro da madrugada dun martes de outono. Sacudiu os restos de sono ao descolgar o teléfono e escoitar a orde, seca e cortante. A muller seguía a durmir ó carón, insensible ao timbre do aparato. M mirouna con desapego.

Beijing mergullábase no caos dun novo día. Cando o taxi chegou ao final do traxecto, as luces do mencer asomaban polo este, coroando os outeiros arredor da cidade.

O contratante esperábao ergueito, do outro lado dunha mesa ateigada de papeis. "Tardou moito", espetoulle. "Teña".

Tirou a foto enriba da mesa. Unha occidental morena, con gabardina gris e gafas de sol, falaba por teléfono onda un semáforo. O detalle das gafas era chocante. Chovía; alomenos, a muller agarraba un paraugas aberto. "Esta tarde colle o tren a Jinan. Marche xa".

A realidade supera sempre a ficción, pero a realidade ten vontade de disfrazarse de ficción

Gardou a foto e saíu. Tiña varias horas por diante; consumiunas camiñando polo centro de Beijing. Á hora do xantar meteuse nun restaurante. Fixo desde alí a chamada.

"Vou estar fóra uns días", dixo. "Quéresme?"; escoitou a pregunta esmagada entre o ruído a fritura da liña. "Claro", mentiu.

Na estación había moito balbordo. As portas abertas dos vagóns deixaban saír ao andén un cheiro a rancio. M demorouse un chisco, consumindo os restos do cigarro. Cando entrou no seu departamento, a muller da foto encaixaba unha maleta no portaequipaxes. M sentou na fileira oposta.

Saíron da estación; Beijing ía quedando atrás. Era un día desapracible, ameazaba chuvia e os prados do exterior parecían incharse de tanta humidade como había no ambiente.

A muller ergueuse ó cabo dunha hora, atravesando a maraña de caixas de cartón que tupía o corredor. M seguiuna. Detivéronse na plataforma de unión entre os vagóns.

"A miña parte favorita do tren", dixo ela, sorrindo a medias. O seu inglés era torpe. Sacou un paquete de cigarros e ofreceulle a M. Fumaron en silencio, agarrándose ás barras laterais para manter o equilibrio.

"Non coñezo Jinan", mentiu M, "como é?". Ela mirou brevemente o exterior. Sorriu. "As beirarrúas están cheas de árbores. Enraizan tan forte que fan estalar o pavimento". Falaba movendo as mans. "Unha cidade feita para o misterio".

O tren moderara a marcha subindo unha pendente. Ás veces caía un ballón súpeto e estiñaba en poucos minutos. A muller apagou o cigarro, pero non parecía ter présa por voltar ao compartimento. "Por certo, chámome Amanda".

M dixo o primeiro nome que lle veu á cabeza. "Nelson?". "Un pai inglés. Veu facer turismo e ficou un tempo".

O runrún abouxador do tren transformárase nunha música narcotizante. Desde a plataforma, entre os acaneos, podíase intuír a liña fuxidía dos raís. O revisor cruzou polo corredor ollándoos de esguello. Tiña manchas grises no uniforme.

O sol non acababa de saír, oculto entre nubes. Cando M ergueu a cabeza, a mirada da muller arrefriárase de súpeto; tiña os ollos verdes. "Non é nada", escusouse el. "Un encargo".

A última novela de Manuel Darriba é Branco (Galaxia, 2009)

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 19 de febrero de 2010