A nova exposición do Espazo Anexo do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) non ten horarios de visita e carece de accesos. É máis, o espectador pode mesmo meterse na obra, tamén en sentido literal. O proxeto artístico do mexicano Jose Dávila (Guadalajara, 1974) está asignado ao laboratorio do museo, mais prescinde totalmente do edificio: trátase dunha peza escultórica ubicada na praza peonil da rúa Londres, na traseira do Marco.
A arquitectura efémera e tridimensional creada por Dávila non ten principio nin fin; unha idea que, por extensión, se pode aplicar á relación entre o museo e a contorna urbana. O Espazo continuo do mexicano convirte o Anexo nun pedazo de rúa e viceversa, porque troca o lugar público en enclave expositivo. Neste contexto, o visitante está convidado a se mover dentro da escultura que, por emprazamento, pode ser tomada como mobiliario urbano. Esta creación pecha o ciclo Puntos de encontro / Meeting Points, unha proposta de exhibición comisariada por Agar Ledo, actual responsable de exposicións do Marco, que en 2009 convidou catro artistas a traballar in situ coa intención de que establecesen un diálogo entre o espazo expositivo, o Espazo Anexo, e a súa contorna, a cidade de Vigo. Dávila é o quinto e derradeiro participante.
O contexto social
Os cinco comparten certo interese cara aos contextos social e arquitectónico e traballaron verbo do concepto de cidade contemporánea como espazo heteroxéneo onde se establecen relacións entrecruzadas. Ademais de ser lugar de exhibición, a función do Espazo Anexo foi tamén a de servir para a presentación de conclusións. Cando finalice a serie coa clausura de Dávila, o vindeiro 2 de maio, o Marco editará un catálogo que recollerá a documentación dos cinco proxectos.
"A intervención nace dunha reflexión sobre a falta de continuidade no urbanismo de Vigo. Incorpora elementos propios do Espazo Anexo (columnas, muros e teito) como parte da intervención, que atinxe á idea de ruína ao simular unha planta dun edificio invisible habitado polo paseante", indica a comisaria. Os paralelismos arquitectónicos son unha pauta de traballo habitual no artista mexicano. A súa praxe adoita escenificar un duplicado da arquitectura oficial no que "o outro" comparece como modelo precario, mais aberto e flexíbel.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 5 de marzo de 2010