Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
A VER | Luces

Palabras desatendidas

Vintecinco son moitos ou poucos anos? Na vida dunha persoa son abondos, en vintecinco anos unha persoa cambia, é a mesma persoa e mais non é. Para unha revista 25 anos é toda unha época. A época de Festa da palabra silenciada, unha revista feminista editada polo Concello de Vigo e dirixida pola escritora María Xosé Queizán.

Tivo e ten importancia unha publicación así? Ou, a falar claro, ten interese, ten valor o feminismo? Non cabe defender aquí o feminismo, simplemente é o argumento dun pouco máis da metade da humanidade para reclamar que se lle trate como seres humanos. Hai quen non gosta diso. A conciencia de que as mulleres teñen alma do mesmo xeito que a teñen os homes está na historia de diversas culturas e relixións no curso da historia, aínda que para nós seguramente comece dun modo definitivo coa Ilustración. Aparece xa o feminismo, igualmente que o socialismo, no pensamento do noso Antolín Faraldo e, naturalmente, de Rosalía, de Concepción Arenal. A cultura democrática leva dentro inevitablemente o feminismo ou non é democrática.

Que non estivese presente na cultura política do antifranquismo explícase precisamente porque houbera unha ruptura histórica co republicanismo. A esquerda antifranquista, aínda que combatese ao Réxime, nacía dunha sociedade que non era libre, que non era democrática, que era patriarcal, autoritaria, militarista, curil. Desde que Cristo multiplicaba o pan e o viño xa ninguén fai milagros e o antifranquismo tampouco. Fixo falta a chegada do feminismo xa na metade dos anos setenta para que todos tivésemos que repensar a realidade que tiñamos diante, para vela sequera: a situación de opresión da muller, e nos casos menos duros de postergación, era invisíbel para todos, todas. Tivemos que vérmonos obrigados a recoñecer o evidente.

María Xosé Queizán, "a Queizán", foi unha daquelas mulleres e desde entón xunto ao traballo de escritora de ficción foi ofrecendo a súa ollada de muller lúcida sobre a nosa sociedade. A festa da palabra silenciada é máis que unha revista editada por un concello, é a historia do feminismo entre nós. Os seus debates, a súa evolución. O feminismo é un dos sinais máis claros, probabelmente o máis claro, da modernidade dunha sociedade ou, mellor, do grao de democracia interna. María Xosé Queizán é unha figura das nosas letras desde hai décadas, tamén é unha figura intelectual e seguramente non é valorado adecuadamente o que nos ten que dicir.

Non nos debe interesar o balance do feminismo nestas décadas que leva renacido entre nós? E non será que seguimos a minusvalorar o pensamento das mulleres, das feministas?

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 26 de marzo de 2010