Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

O Festival de Títeres de Redondela sae á rúa

Para contar as edicións do Festival de Títeres de Redondela xa non chegan os dedos das mans, por iso este ano, no que celebran a súa undécima entrega, os promotores víronse na necesidade de cambiar a súa imaxe promocional habitual, unhas mans que ían sinalando cos dedos o número do certame, por un autobús. A novidade mesmo colleitou máis éxito cós deseños precedentes, obra igualmente do redondelán Pablo Giráldez, O Pastor, dado que, por primeira vez na historia do festival e perante a demanda, a organización reeditou a carteleiría antes do arranque oficial, o pasado mércores no Auditorio do Edificio Multiusos da Xunqueira.

A venda de obxectos promocionais co emblema do certame supón unha fonte de ingresos notábel, cuestión que este ano medrou por mor dos recurtes orzamentario. O festival quedou sen os 18.000 euros que aportaba a Consellería de Cultura e sen outros 6.000 euros do ministerio procedentes das subvenciones de 2009. Tamén outros patrocinadores, como a Deputación Provincial de Pontevedra e La Caixa, meteron a tesoira para reducir a contribución á metade. En total, son 30.000 euros menos, un tercio do ano pasado.

Sen funcións escolares

Entre a colaboración municipal, a cooperación do comercio local e a autofinanciación, para organizar a edición de 2010 sumaron 61.000 euros. A primeira consecuencia foi eliminar as 13 funcións para escolares. "Resolvimos manter intactas a cantidad e a calidade das propostas de sala e de rúa porque son o escaparate do festival, se cadra o ano que vén volvemos programar para os colexios e reducimos os outros dous apartados", explica Miguel Borines, da Asociación Xente Titiriteira, impulsora da cita. "Como asumimos que vivimos neste tempo e sabemos que cómpre atender necesidades máis urxentes, preferimos renunciar a unha parte do festival e tentar compensala con máis espectáculos familiares".

Entre o sábado e o domingo, as prazas e rúas do barrio histórico da vila acollerán 40 funcións a cargo das 15 compañías internacionais presentes no festival, entre as que salientan a saga familiar italiana Girovago & Rondilla Family Theatre e o seu Circo poético, vencellado á commedia dell' arte. A esta programación gratuíta engádenselle os espectáculos a cuberto no Multiusos da Xunqueira, para todos os públicos e a prezos reducidos.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 21 de mayo de 2010