Non vou facer xogo ningún co nome da aldea de Cans, no concello do Porriño. Non é por falta de ganas, é que a cousa ten pouco enxeño e non se pode contar todo o que a un lle veña á cabeza. Tampouco por medo a lle faltar ao respecto aos veciños da parroquia, pois, polo contrario, demostran moito sentido do humor e capacidade de rir deles propios. E non vou tampouco repetir aquí a pataqueirada esa de que o humor é de xente intelixente e de que os galegos temos moito sentido do humor e iso demostra que somos moi listos e etcétera.
Á xente de Cans tratámola a parte, pois si que confirma esa correspondencia entre sentido do humor e intelixencia. Sendo capaces de estabelecer ese xogo irónico entre o nome da súa aldea e o da cidade francesa de Cannes, crearon aquí algo moi vivo e que reforza enormemente a vitalidade do lugar. En correspondencia co tamaño de Cans e de Cannes, no canto dun festival de longametraxes como o italiano organizaron un de curtametraxes. Está ben.
Como está ben, é intelixente asumir sen vergoña e con dignidade a condición humilde do lugar, un lugar pequeno e con cultura de traballo, que non pode competir co porto turístico da Costa Azul. Cans é o contrario, e como tal se mostra e como tal nos obriga aos demais a aceptalo. E por iso inventou o seu propio folclore de festival: non hai haigas nin Rolls nin champán, hai chimpín para facer o desfile das estrelas. É un certame forzosamente simpático. O que ten ser pobre é que un non ten por que andar co fociño levantado e pode ser humilde, rir e ser libre na expresión. Aínda que a caravana de pequenos tractores adornados con xestas e ese Torreiro das Estrelas, á maneira do paseo da fama do Hollywood é máis que folclore, está a ser ritual. Un ritual inseparábel do sorriso e que ten sentido e dá sentido ao evento.
A imaxinación aplicada ao que sería un de tantos certames municipais de curtametraxes foi un éxito da comunicación, imaxinación e falta de complexos. Supoño que esas dúas cousas unidas é o que chamamos intelixencia. E alá habemos ir e será con curiosidade pois do cinema sempre seguiremos a agardar sorpresas, que nos faga abrir os ollos ou entreabrir a boca: un chisquiño de asombro.
E será con agrado, pois nos últimos anos deuse un cambio profundo na cultura galega. Fronte á cultura instituída, xerárquica e de voz impostada e que se articula fundamentalmente desde a literatura, foron aparecendo novas xeracións artísticas que se expresan principalmente fóra dese enxido. Para saber o que é hoxe a cultura galega hai que ollar con atención sobre todo á ilustración e a todo o que ocorre nos escenarios, na escena teatral, na música, na danza. E no cinema, que o agrupa todo.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 21 de mayo de 2010